Skip to main content
Monforte

Aínda está aberto o prazo de inscrición para participar do Xoves de Compadres en Monforte

O Concello de Monforte inicia as actividades programadas arredor do Entroido 2024, coa celebración do Xoves de Compadres este xoves 1 de febreiro, para oq ue segue aberto o prazo de inscrición ata o 31 de xaneiro para aqueles colectivos e persoas que queiran inscribirse neste concurso. Pola súa parte, o prazo para anotarse no Xoves de Comadres, rematará o 7 de febreiro, celebrándose o mesmo o día 8.

O equipo de Goberno decidiu incrementar a partida de premios en 3.000 euros, alcanzando os 21.000 euros, que é un 16,60 % máis que en 2022 e 2023, anos en que foron repartidos 18.000 euros en premios. “O obxectivo é animar á xente a que participe nestes concursos e contribúa ó éxito do noso Entroido” salienta o alcalde, José Tomé Roca.

Trátase da partida económica máis alta destinada polo Goberno de José Tomé para os premios dos diferentes concursos do Entroido. “Incrementamos os importes en practicamente todas as categorías, e especialmente os premios ás Carrozas e ás Comparsas do Martes de Entroido”, subliña o rexedor monfortino, quen anima “a todos os monfortinos e monfortinas a participar nos diferentes concursos de Entroido que convocamos”.

Concurso do Xoves de Compadres

Para o concurso do Xoves de Compadres, a Concellería de Cultura de Monforte ten previstas tres convocatorias. Unha delas para os centros de ensino, outra para parroquias, barrios e rúas do Concello e por último, unha terceira de carácter individual, que concursará na Praza de España o propio xoves día 1.

Os criterios que seguirá o xurado para determinar os gañadores terán en conta a orixinalidade dos materiais empregados e tamén se vai valorar a montaxe, a elaboración e os materiais utilizados, o interese etnográfico e a crítica social.

Cada un destes criterios terá unha valoración mínima do 10 % e a máxima será do 25 % do total da puntuación. Os premios para cada unha das convocatorias son os seguintes, tendo unha partida máxima de 1.900 euros.

O xoves 1 de febreiro, desenvolverase o concurso de Compadres, nas distintas categorías descritas a partir das 17.30 horas na praza de España de Monforte xunto coa comunicación dos gañadores e gañadoras co concurso e a queima dos monecos do Compadre oficial.