Skip to main content
Pantón

Firmado o convenio de colaboración entre a Xunta e o Concello de Pantón para construír un centro de saúde

O Goberno local de Pantón fixose cunha parcela coas características necesarias para que a Xunta, a través do conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, firmara un convenio de colaboración co alcalde de Pantón, José Luis Álvarez Blanco, para a construción dun novo centro de saúde.

No convenio, a Administración autonómica asume o compromiso de contratación do proxecto e obra, mentres que o Concello se compromete a realizar todos os trámites patrimoniais e urbanísticos que sexan necesarios a fin de posibilitar a cesión da parcela, ademais de asumir a exención do IBI e a recoller a bonificación do 95 % para obras de especial interese municipal e dar á obra do novo centro dita consideración.

A construción deste novo centro de saúde estaba prevista como prioritaria no Plan de Infraestruturas Sanitarias de Atención Primaria de Galicia aprobado polo Consello da Xunta en outubro do ano 2021, dada a antigüidade do espazo no que actualmente se localiza o centro de saúde, que comparte inmoble con áreas municipais e ten carencias de espazos para a organización asistencial, de accesibilidade ou de eficiencia enerxética.

O plan funcional que a Xunta se compromete a desenvolver para o novo centro de saúde a través deste convenio contempla un inmoble de 600 metros cadrados con dúas consultas de medicina de familia e dúas de enfermería, e cunha sala polivalente que poderá funcionar tamén como consulta. Ademais, o novo inmoble incorporará unha sala de toma de mostras e unha sala de técnicas, apta para a realización de cirurxía menor.

Na sinatura estiveron presentes o delegado territorial de Lugo, Javier Arias Fouz, e o xerente da área sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos, Ramón Ares Rico.