Skip to main content
Pantón

O BNG defendeu a sanidade pública nun acto en Pantón

O BNG convocou un acto pola defensa da sanidade pública en Pantón no que participaron as representantes do BNG no Parlamento Galego, Olalla Rodil e Carme Aira, e a portavoz municipal Rosana Prieto.

Olalla Rodil explicou que “é o PP o único responsable do progresivo desmantelamento da sanidade publica” e engadiu que “especialmente no sur de Lugo danse todas as circunstancias para reforzar unha sanidade necesaria que se está a destruir dende o goberno da Xunta sendo o PP o único responsable xa que, nesta materia, a Xunta ten todas as competencia necesarias”.

Pola súa banda, Carme Aira destacou a necesidade de persoal nos hospitais e nos puntos de atención “o persoal non ten continuidade nos seus postos de traballo e non poden coñecer as persoas nin as súas particularidades, cousa que se fai máis necesaria e precisa cando se trata de pacientes con casuisticas peculiares e idade avanzada”.

Ademais diso, “estamos na situación que denunciamos, onde non cobren nin as baixas nin as vacacións, obrigándonos a ir ás urxencias en ambulacia ata o Hula ou o Hospital de Monforte, segundo a gravidade, que xa están o suficiente saturadas”, denunciaron.

“Á situación sanitaria provocada pola actual dirección do SERGAS súmase a situación de abandono na que se ven sumidas as persoas que precisan de atención en centros especializados, sobre todo no caso dos maires” explicou a portavoz municipal Rosana Prieto.

Ademais, engadiu que se gastan “todos os cartos públicos en facer grandes obras e en mercar espazos innecesarios mentre abandoamos aos nosos maiores alegando falta de recursos”. Rosana Prieto abondou na necesidade de crear un sistema de atención que permita, mentres sexa posible, a vida nos propios fogares e non o traslado a grandes residencias públicas “quen en moitos casos se atopan a centos de kilómetros dos fogares das persoas afectadas”.