Skip to main content
Pantón

Os grupos de persoas que participen no Entroido de Pantón poderán levar moitos premios

Por 17 Xaneiro, 2024Febreiro 13th, 2024Sin comentarios

O Concello de Pantón anima á participación nas diferentes propostas do Entroido, co día grande do desfile, que terá lugar o vindeiro 17 de febreiro.

“Cada ano o Entroido de Pantón sorprende grazas á implicación da xente. O ano pasado no desfile de disfraces participaron máis dunha trintena de comparsas e gozaron da festa máis dun milleiro de persoas. O traballo que fan as parroquias e asociacións para axudar a manter a tradición dos xoves de compadres e comadres é tamén merecedor de visitas para descubrir con que nos sorprenden”, explica o alcalde de Pantón, José Luis Álvarez.

Desde o Concello de Pantón anímase así a asociacións, grupos, familias e persoas individuais a participar dos xoves de compadres e comadres que se celebrarán o 1 e 8 de febreiro, podéndose apuntar na casa da cultura ou no teléfono 982 45 63 77 ata a véspera de cada celebración.

Xa o sábado, 17 de febreiro, terá lugar o Desfile de Entroido, que sairá ás 16.00 horas do colexio Monte Baliño (os participantes presentaranse ás 15.30 na rúa de arriba do CEIP) para percorrer as rúas de Ferreira e finalizar na Praza do Concello, onde coa chegada da última comparsa comezará unha chocolatada baile e entrega de agasallos doces para os nenos.

As inscricións e recollida de número pódese facer ata o 16 de febreiro ás 13.00 no segundo piso de edificio sociocultural.

Premios de Entroido

Para as comparsas dos adultos, haberá premios para grupos de 10 ou máis compoñentes de 350, 200 e 150 euros; para grupos entre 5 e 9 compoñentes de 150, 125 e 100 euros e para grupos entre 1 e 4 compoñentes de 100, 75  e 50 euros.

No caso das comparsas infantís haberá premios para grupos de 10 ou máis compoñentes de 180, 160 e 150 euros, para grupos entre 5 e 9 compoñentes de 100, 75 e 50 euros e para grupos entre 1 e 4 compoñentes de 50, 40 e 20 euros.

O xurado estará composto por un representante de cada comparsa (que non desfilará) e unha persoa allea que exercerá voto de calidade en caso de empate, e valorarase a orixinalidade, a calidade e a simpatía dos disfraces.

Todas as comparsas que presenten carroza recibirán 50 euros como axuda e as de máis de 10 compoñentes recibirán 80 euros non acumulables ao premio.

Os premios daranse a coñecer ao final do desfile e serán ingresados nas contas bancarias que corresponda.