Skip to main content
Pantón

A Casa do Curro de Pantón foi acondicionada con 260.000 euros para convertila en vivendas sociais

O Concello de Pantón xa conta con catro novas vivendas sociais despois de acondicionar a Casa do Curro, na entrada á Ferreira, a través da empresa Contratas Pérez de Portomarín.

Así, nun ano e con 260.000 euros, 160.000 da Xunta e 100.000 euros aportados polo Goberno local, o proxecto quedou finalizado para poder adxudicar, agora, esas catro vivendas.

Estas vivendas son pisos con dúas habitacións, salón, cociña e cuarto de baño, pero tamén calefacción de chan radiante e cunha zona de horta de 400 metros cadrados.

Así, os demandantes de vivenda na Xunta de Galicia poderán optar a facerse coas vivendas, aínda que terán prioridade os veciños de Pantón nesta situación co fin de asentar poboación no municipio.