Skip to main content
Quiroga

Rematan os traballos na aldea modelo de Bustelo de Fisteus en Quiroga

A Xunta de Galicia rematou os traballos de acondicionamento deseñados para desenvolver a actividade agrogandeira na aldea modelo de Bustelo de Fisteus, no Concello de Quiroga.

Esta aldea, na que se prevé instaurar unha explotación de gando porcino en extensivo, abrangue unha superficie de 14,15 hectáreas distribuídas en 269 parcelas de 38 titulares catastrais.

Neste sentido, traballouse na zona para realizar unha serie de actuacións para poñer a punto os terreos: Construíuse un peche para delimitar o perímetro da aldea modelo e instaláronse comedeiros, bebedoiros e unha manga de curral, ademais doutras instalacións auxiliares como un pastor eléctrico solar recargable.

Para executar estes traballos, o Goberno autonómico realizou un investimento de algo máis de 157.000 euros. Ademais, poñendo o foco no benestar dos futuros animais da explotación, instaláronse dous dormitorios. Ambos foron construídos con madeira de piñeiro, co obxectivo de minimizar ao máximo posible o impacto que poden ter este tipo de estruturas no entorno e a paisaxe.