Skip to main content
Quiroga

O Punto Limpo de Quiroga está aberto para os usuarios que o precisen

As instalacións do Punto Limpo estarán abertas ata as 13.00 horas para todos aqueles usuarios que queiran levar refugallos dos que se queiran desfacer sen custo algún.

No Punto Limpo deben ir residuos voluminosos tales como, mobles, colchóns, electrodomésticos ou plásticos de envoltura, residuos que non teñen contedores específicos para a súa recollida instalados na rúa.

Ademais, nesta xornada gratuíta e de portas abertas mantense o servizo de recollida a domicilio para levar estes residuos ao Punto Limpo chamando ao teléfono 636.69.35.00.

Este servizo ten un custo de 3 euros por electrodoméstico, ao que se engaden 22 céntimos por cada km que sexa preciso recorrer ata o lugar indicado. Tamén se mantén a apertura do punto limpo previa cita fora da xornada de portas abertas, pero neste caso tamén é preciso abonar a taxa correspondente por residuo que se vaia depositar.

A decisión de abrir gratuitamente un día o mes veu motivada pola demanda da veciñanza para poder depositar o lixo que se xera nos fogares e que non se poden votar noutros contedores. Outro dos motivos que levou a abrir estas instalacións municipais é o de evitar que aparezan vertedoiros incontrolados en puntos do municipio. O que non se permite é deixar o lixo tirado na súa entrada, “unha falta de civismo que pode ser multada como contempla a ordenanza municipal”, sosteñen desde o Concello.