Skip to main content
O Saviñao

O Partido Popular pide o arranxo de diversas estradas provinciais do Saviñao

O PP, a través dos deputados provinciais, Antonio Ameijide, Carmen José López e Luis Fernández, esixe a Tomé a mellora das vías provinciais no Saviñao para garantir a seguridade dos condutores e dos usuarios do Camiño de Inverno no municipio.

Así o explicaron ao visitar o municipio do Saviñao xunto co alcalde, Carlos Armesto, e varios concelleiros do equipo de goberno, que comprobaron como o estado das estradas de titularidade municipal que discorren por este concello “precisan de varias intervencións para mellorar o seu estado”.

Segundo os populares, o Concello do Saviñao necesita o arranxo urxente de numerosas vías de titularidade provincial, ademais doutra serie de intervencións para mellorar e garantir a seguridade.

Estradas que necesitan arranxo

Unha das vías nas que din é urxente actuar é a LU-P-5806 de Freán a Diomondi, unha estrada na que é preciso mellorar o firme, limpar as cunetas e mellorar a seguridade xa que é unha vía que comparte o tráfico rodado coas persoas que realizan o Camiño de Inverno.

“Sería necesario, ademais de mellorar o estado desta estrada, sinalizar correctamente que haberá persoas camiñando pola vía, ademais de, nas zonas nas que sexa posible, separar o tráfico rodado dos peregrinos en prol de garantir a seguridade”, sinalou.

Outras estradas nas que é preciso realizar arranxos urxentes son a LU-P-5802 de Porto – O Casar – Corneas, a LU-P- 5804 Rebordoniego – Aiaz – Morgade, a LU-P-5815 Monforte – Currelos, a LU-P-5807 Lamaquebrada – Montecelos, a LU-P-5812 Vilanova – Campoverde – Xesteira, a LU-P-5819 Belesar – Portotide – Praia da Cova ou a LU-P-4102 Ferreira – Currelos.

“O que vimos é que levan moito tempo sen realizar os arranxos necesarios nestas vías e, cando o fixeron, puxeron parches en lugar de aglomerar en quente”, explicou Ameijide.

Antonio Ameijide destaca que tanto a Ribeira Sacra como o Camiño son dous motores económicos “importantísimos” para a provincia, polo que o Goberno provincial “debería de preocuparse e coidalos” como se merecen “sen poñer en risco a peregrinos e condutores polo abandono a rede viaria provincial, como tampouco se pode dar a nefasta imaxe que levan os turistas das estradas da Deputación”.