Skip to main content
O Saviñao

Miguel Tomé defendeu “a necesidade de incentivar o relevo xeracional no sector primario” nunha visita ao Saviñao

Por 30 Xaneiro, 2024Xaneiro 31st, 2024Sin comentarios

O número catro da candidatura socialista pola provincia de Lugo ás eleccións autonómicas, Miguel Tomé López, visitou a adega Virxe dos Remedios e unha explotación de vacún en San Vitorio, ambas no Concello do Saviñao acompañado polo presidente da Confederación Hidrográfica Miño-Sil, José Antonio Quiroga, e voceiros e voceiras do PSdeG da Ribeira Sacra.

Durante a visita manifestou “a necesidade de habilitar instrumentos necesarios para incentivar o relevo xeracional nos sectores primarios e garantir retribucións xustas para os produtores”.

“Vivir no rural non pode ser un acto de heroicidade, o número de explotacións redúcese ano tras ano e a idade media dos agricultores e gandeiros rozan a da xubilación”, subliñou Miguel Tomé. Nesta liña, engadiu o candidato, “todos sabemos onde están as solucións, menos o señor Rueda, que parece que non o ve ou que non o quere ver, o que é aínda peor”.

Sinalou a falta de competitividade e os baixos beneficios da actividade económica como principais atrancos para que a xente moza aposte por actividades do campo, así como tamén “polas baixas posibilidades para a conciliación, polos problemas de comunicación a través dunhas infraestruturas en condicións deficientes e un transporte público precario ou as dificultades da conectividade a través de internet de banda ancha”.

Miguel Tomé destacou así mesmo a necesidade de impulsar a Lei de Agricultura Familiar, ou a mobilización da terra que poña en produción os centos de hectáreas que están a baldío. Tamén destacou a importancia de apuntalar un sistema de seguros agrarios e fomentar a I+D+i orientada á mellora das ferramentas para a defensa dos cultivos e como valor engadido para un sector produtor lastrado pola falta de transformación e a dependencia externa.