Skip to main content
Colaboracións RIBEIRASACRAXAColaboracións SARRIAXAColaboracións TERRACHÁXA

Unax e Lua, futuros gaiteiro e gaiteira “made in” Euskadi

Por 19 Xaneiro, 2024Sin comentarios

Por Raúl Río.

Que Galiza ten unha cultura de seu xa o sabemos todas e todos os que nacemos nela, aínda que haxa moitas persoas que, influenciadas polo colonialismo que sofre Galiza, renegan dela, do seu idioma e incluso dos instrumentos musicais que nos deixaron os nosos antepasados. Pensan que o noso non vale nada e o importante é o que ven de fora.

Tamén sabemos que hai moitos tipos de gaitas en todo o mundo, e non digo que a nosa sexa mellor que as dos outros países, pero si que é única no mundo e por iso debemos conservala e sentirnos orgullosos dela e dos que a interpretan.

Renegan dela porque non lle dan o valor que merece, sen embargo hai moita xente doutros países ou descendentes dos nosos emigrantes de terceira ou cuarta xeración que si llo saben dar: É o caso da nena de Berango (Bizkaia), Lua Rodríguez Lera, neta de galegos, filla do tamén gaiteiro, Manuel Rodríguez, “Manu, O Hedras”, chamado así por facer música coas robustas follas desa planta gateadora como instrumento, xa nacido en Euskadi, pero galego de nación; outro caso é o do neno bilbaíno, Unax Plágaro Santamaría, fillo dun vasco e dunha burgalesa, sen ningún antecesor galego nin relación anterior con Galiza e a súa cultura, ao que con dous anos e medio lle chamou a atención o noso instrumento musical. El xa tocaba a frauta na escola e só tiña dous anos e medio cando viu no parque do Arenal de Bilbao unha rapaza que tocaba a gaita; a el chamoulle a atención porque non entendía como podía seguir soando o instrumento cando a gaiteira non sopraba e, cando lle explicaron que era porque tiña un fol que gardaba o aire, fixo unha gaita con unha cana de punteiro e substituíndo o fol por un simple globo. Tamén gusta moito do son da ocarina e quere construír unha con barro, algo insólito nun neno de nove anos. Unax, ao que desde pequeno lle gustaron os instrumentos musicais e sempre estivo rodeado deles, vai tamén ao conservatorio onde aprende solfexo e clarinete.

Pouco tempo despois volveu ollar outra rapaza que tocaba a gaita nunha rúa de Valladolid e foi cando lle dixo a seus pais que el quería tocar a gaita e que lle mercaran unha. Seus pais pensaban que o ronco era mais grande que el; pois era tan pequeno que non podía coa gaita, pero foron de vacacións a Galicia e non tiveron mais remedio que mercarlle unha a Pablo Carpintero, cando aínda non tiña tres anos.

Logo, seus pais non sabían quen lle podería ensinar tocala e puxéronse en contacto con Pablo Carpintero, este deulles o número de teléfono de Manu, O Hedras, que fai dous anos en febreiro tamén empezou as clases de gaita, xunto con Unax e a súa filla na “Casa da Troula” de Rekalde, baixo as ordes do amigo Roberto Álvarez, fundador desa Casa na que, como di el, toman a troula moi en serio.

Ademais desas clases de gaita, Lua vai á escola de música de Santa Ana de Berango, onde aprende solfexo e piano, pero durante a pandemia aprendeu tocar outros instrumentos, como a pandeireta e o bombo. O mesmo que Unax, tamén lle gusta moito a música e o seu profesor está moi contento do que aprenden, do interese que poñen ambos e do seu afán de superación. Asegura que son dous fenómenos, xa que neses dous anos, o rapaz e a rapaza xa saben tocar mais de vinte pezas cada un. O ben que se coordinan entre eles, sen mirarse aos ollos, podemos ollalo na foto que acompaña este artigo, na que os seus dedos tapan e liberan ao mesmo tempo os mesmos furados de cada súa gaita.

Tanto Lua como Unax, xa levan dous anos indo ao Festival de Pardiñas con seus pais e este ano tiven a sorte de ver estes dous artistas nacidos en Euskadi tocando a gaita e a pandeireta na zona dos instrumentos musicais, deixando abraiados aos que tivemos a ocasión de escoitalos. Fai dous anos entregueille a Roberto a partitura da “Muiñeira de Pedro Trapeiro”, de Xosé Lois Foxo, e agora estállela ensinado para poder tocala este ano polas campas de Pardiñas.
Ao preguntarlles si lles gustaría actuar algún día no palco central dese Festival din que si, aínda que con tanta xente diante seica lles daría un pouco de reparo, pero para eles sería un soño. De seguir progresando como até o de agora, estou seguro que algún día verémolos nese palco, facéndonos desfrutar a todos os asistentes da súa arte galega aprendida en Euskadi e, a min, que tamén me gusta o noso instrumento nacional por excelencia, gustaríame moito velos naquel gran escenario polo que pasaron os mellores grupos musicais de moitas partes do mundo. Verémolos!