Skip to main content
Outeiro de Rei LUGOXAOuteiro de Rei TERRACHÁXA

“Tento saltar todas as barreiras que se me poñen no camiño”

Por 28 Xaneiro, 2024Xaneiro 29th, 2024Sin comentarios

María Lombao Perez é a autora do libro ‘Mi vida sobre ruedas’, un proxecto co que busca sensibilizar á sociedade a través da súa propia historia

Porqué decide escribir este libro?

A idea de escribir o libre xurde xa que na actualidade aínda que a sociedade sabe o que é a discapacidade non sabe o que é de portas para dentro, como se sinte un cando o vive na propia pel. Por iso decidín escribir este libro, para que todo o mundo poda ser consciente do que as persoas con discapacidade pasamos e do que sentimos.

Que historia podemos atopar en ‘Mi vida sobre ruedas’?

Eu conto a miña historia, a miña vida e as trabas que atopei ao longo do camiño, todo o que superei e como fixen para superalo. Por exemplo durante a miña etapa escolar, toda as coidadoras que me acompañaron correron a cargo dos meus pais, cando é algo do que a administración se ten que facer cargo ou as diferentes barreiras arquitectónicas que atopei cando cheguei ao colexio.

Como é todo o proceso para levalo a cabo?

No ano 2015 xa tiña a idea de escribir o libro, pero estaba rematando o bacharelato e despois fixen un ciclo e as prácticas e non tiña demasiado tempo. Cando rematei os estudos e contaba con máis tempo comecei a dedicarllo a escritura do libro. Para min o máis difícil de realizar foi o prólogo, despois hai capítulos que foron máis sinxelos e outros que foron máis duros. En total foron dous anos de traballo para sacar adíante este proxecto.

Onde o podemos atopar?

Actualmente está publicado e dispoñible de maneira enliñe, a min gustaríame que saíse en formato físico pero a editorial na que eu quería publicar dábame largas polo que finalmente optei por publicalo en dixital. De todas formas se alguén ten algunha dificultade para ler de maneira dixital ou non ten acceso pódese por en contacto comigo e fágollo chegar de maneira física.

Con que momentos deste proceso desfrutou máis?

Desfrutei de moitas etapas pero o que máis foi a escritura do capítulo dez, ‘os meus momentos de pracer’. Isto desfruteino moito porque recorda os meus momentos de lecer e onde máis feliz fun. Pero a verdade é que me gustou moito todo o proceso en xeral de levar a cabo o libro.

Que busca aportar coa escritura deste libro?

A min gustaríame sensibilizar un pouco máis a sociedade, é verdade que as cousas melloraron moito, pero aínda nos queda moito traballo que facer porque moita xente segue mirándonos con pena. Transmitir a idea de que somos persoas normais, con sentimentos e que tamén queremos atopar un traballo cunhas condicións dignas, que na actualidade, isto segue a ser moi difícil. E tamén quería facer ver que si que se pode, con ganas, esforzo e co apoio da xente que te quere. No meu caso se non fose polos meus pais e todas as persoas que me axudaron ao longo da miña vida non estaría agora aquí.

Como recibiu o seu entorno a noticia de que ía escribir un libro?

Moi ben, acollérono moi ben, eu penso que con ter as ideas claras e saber como plasmalas é suficiente. Eu a través deste libro intento saltar todas as barreiras que se me poñen no camiño, e intento facer ver que aínda que a vida é dura sempre hai algo que che quita un sorriso.