Skip to main content
Alfoz

A oposición fala: Alfoz

Por 17 Febreiro, 2024Febreiro 18th, 2024Sin comentarios
Por Ana Somoza López.

O Partido Popular gobernou en Alfoz durante moitos anos ata que no 2015 o PSOE lle arrebatou a Alcaldía e agora están na oposición.

Os resultados das pasadas eleccións locais de Alfoz foron unha incógnita pois a veciñanza non se decidiu por un partido en concreto, pois todos os partidos acadaron 3 edís. Así, o PSOE obtivo 451 votos, Vía Alfoz 353 e o PP 339 votos.

Despois de debates e días de incerteza fíxose un pacto de goberno de PSOE e Vía Alfoz no que collía o bastón de mando a independente, Efigenia Maseda. Así, a oposición do concello alfocego está composta tan so polo Partido Popular e representado no seu voceiro Juanjo Fraga.

Fraga é enxeñeiro agrícola e presentouse con moita ilusión para recuperar a Alcaldía, o que fixo que subira un escano respecto ao 2019. Fraga é coñecido pola súa faceta de empresario, propietario e administrador de varias empresas relacionadas co sector agrícola-gandeiro, das cales tres delas están afincadas en Alfoz.

Este alfocego forma parte da política municipal desde o 2007 malia que xa dende rapaz lle gustaba este mundo, “sempre me gustou participar na vida social e cultural, de feito lembro unha festa da xuventude que organizamos con tan só 16 anos”, di Fraga, “este traballo e inquedanza fíxome unirme ao Partido Popular, pois considerei e sigo considerando que é a forma máis acertada de representar as miñas ideas e aos meus veciños e sobre todo de traer o mellor para o noso pobo”.

Para o popular o labor da oposición “non só é controlar e supervisar o traballo do equipo do Goberno, senón tamén ten que ser a voz dos veciños formulando suxestións, queixas e propostas”.

Así mesmo di que “formar parte da oposición debe ser semellante a gobernar, a única diferencia é que ti non tomas as decisións pero si que tes que ser partícipe e coñecedor de todo o que se fai e o que se precisa, isto supón que tes que dedicar moitas horas do teu día a día para traballar polo concello”.

“Formar parte da oposición debe ser semellante a gobernar, a única diferencia é que ti non tomas as decisións pero si que tes que ser partícipe e coñecedor de todo o que se fai e o que se precisa”

Pero opina que os beneficios tamén son moitos e son “morais, e é un orgullo sentirse válido para a veciñanza, esforzarse para que o teu concello, onde naciches e te criaches, non decaia e non desapareza, e que se emprendan novos horizontes e novas alternativas”.

Fraga ten unhas liñas claras coas que lidera a oposición e pasan por “darlle un empurrón  urbanístico e económico a Alfoz, comunidades parcelarias, Plan Básico, e solo industrial que é algo primordial, crear unha oficina de atención a autónomos, emprendedores e sector primario, pois son o motor de calquera concello como o noso”. E por outro lado, ten claro que o primeiro é “protexer, coidar e facilitar en todo o posible a vida a novos pois son eles que manterán o noso futuro e por suposto aos maiores”, mellorando servizos, creando un centro de día e a residencia da terceira idade e “sobre todo o día a día co SAF e axuda temperá”.

“É un orgullo sentirse válido para a veciñanza, esforzarse para que o teu concello, onde naciches e te criaches, non decaia, e que se emprendan novos horizontes e novas alternativas”

O Partido Popular gobernou en Alfoz durante moitos anos ata que no 2015 o PSOE lle arrebatou a Alcaldía, por iso cre que o seu partido volvese a gobernar aportaría “dinamismo, xa que estamos nun concello paralizado. Alfoz era dinámico, había moita empresa e industria para os habitantes que tiñamos, e hoxe en día non se impulsa nada diso, o Concello só é un mero tramitador de impostos e servidor de servizos básicos”, di Fraga, “a administración local debería ser máis dinámica e áxil”. En resumo, “melloraríamos a vida dos alfocenses e faríamos que fora un concello onde a xente lle gustaría vivir e se xerara traballo e benestar”, di.

“Nós dende a oposición estamos a proporcionar moitas propostas e cousas útiles para Alfoz e dende o Goberno non as apoian a pesar de que ambos equipos as consideren favorables, parece que só o fan por non crear un conflito de intereses”, di Juanjo Fraga, “debería premiar o mais válido e o que realmente sexa máis positivo para o municipio, isto obrigaría a facer unha política máis activa e non permitiría acomodarse e baixar a actividade”.

Sobre os pactos de Goberno opina que non lle gustan, aínda que “normalmente é a forma máis fácil de constituír un Goberno estable”. E sobre as relacións co equipo de Goberno actual di que son boas, pero que “si que é certo que co voceiro do PSOE é case imposible chegar a un acordo, pero co resto dos integrantes hai unha relación fluída”.

Fraga cre que “a veciñanza merece que poñamos todo o mellor de nós e traballar por eles”, e engade que “sempre apostei por Alfoz como un lugar de residencia e como un lugar para impulsar proxectos laborais e persoais, despois de todo, temos que ser partícipes e traballar nunha mellora dos servizos para que a xente poida traballar, vivir e instalarse en Alfoz”.