Skip to main content
Burela

O Vencello de Burela denuncia a perigosidade do acceso ao centro de saúde pola rúa Suafonte

Por 6 Febreiro, 2024Sin comentarios

Dende O Vencello veñen de denunciar o estado que presenta o acceso ao centro de saúde pola rúa Suafonte e “pedímoslle ao Concello que actúe dunha vez nesa contorna antes de que se produzan máis accidentes de peóns por mor da súa perigosidade”.

Esta entrada ao consultorio presenta un “estado lamentable, cunha chea de baldosas levantadas e movidas do seu sitio” que poñen en perigo a integridade dos transeúntes e doentes -fundamentalmente xente maior con mobilidade reducida- que acceden por esta rúa en coche, cadeira de rodas e muletas  ás consultas médicas e tamén para recibir os seus tratamentos periódicos (nesa área están asignadas as dúas prazas de aparcamento de acceso ao centro de saúde).

O estado desta contorna é motivo de preocupación por parte destes usuarios e por iso “levamos dende fai máis dun ano reclamándolle ao Concello en diversas reunións (ao anterior grupo de Goberno e tamén ao actual) que acometa dunha vez por todas os arranxos necesarios para solucionar este problema. Nunha deses reunións se nos dixo que os traballos estaban xa adxudicados, pero de momento aínda non teñen nada feito”, engaden.

Solicitude de Reunión

Para abordar este e outros temas que consideramos de importancia solicitamos fai xa dúas semanas unha nova reunión coa alcaldesa, pero de momento aínda non temos recibido contestación de cando nos recibirá. Nesa xuntanza queremos exporlle tamén outras denuncias que a veciñanza nos transmite; coma son as condicións de atención ao público no Punto de Información Catastral.