Skip to main content
BurelaComarca AMARIÑAXAViveiro

Besteiro compromete rescatar a sanidade pública e acurtar as esperas

Por 12 Febreiro, 2024Sin comentarios

O candidato do PSdeG á Presidencia da Xunta, José Ramón Gómez Besteiro, comprometeu con médicos e persoal sanitario un gran acordo de país con 15 eixos para recuperar a sanidade pública, universal e de calidade logo dos recortes do PP. Besteiro presentou este acordo nun encontro sectorial con persoal sanitario hoxe en Burela -Lugo-, baseado en rescatar a Atención Primaria, duplicar os profesionais de Saúde Mental e axilizar as probas diagnósticas, entre outras medidas.

Anunciou un Plan de choque para incrementar o investimento na sanidade pública, reforzando a Atención Primaria, garantindo a cita co médico de cabeceira en menos de 48 horas e acceso a un centro sanitario en menos de media hora para toda a cidadanía. Ademais, habilitará o uso das instalacións hospitalarias en horarios ampliados con contratacións extraordinarias para rematar coas listas de espera de consultas, probas diagnósticas e cirurxías.

O candidato socialista comprometeuse a recuperar de forma progresiva o investimento recortado polo PP, que fixo de Galicia a segunda Comunidade Autónoma con menos investimento, apenas un 14% do Orzamento. “A sanidade publica está enferma coas políticas de Rueda pero temos solucións. Hoxe se funciona é polo esforzo dos seus traballadores e non pola súa dirección”, engadiu.

Alertou de que actualmente hai 11.500 nenos e nenas galegos de 122 concellos que non teñen servizo de Pediatría, polo que garantiu o servizo en todo o territorio. Tamén anunciou o reforzo dos recursos de hospitalización a domicilio e o aumento do volume de ambulancias na rede galega incorporadas ao sistema público.

Saúde Mental

Gómez Besteiro explicou que no seu primeiro mandato duplicará os especialistas en Saúde Mental, incorporando esta especialidade á Atención Primaria. Estas medidas, que permitirán reducir as esperas e garantirá tempos de consulta axeitados, complétanse cun plan de prevención das condutas suicidas en cada área sanitaria, que terán ademais unha unidade de atención e hospitalización infanto – xuvenil.

Subliñou que os datos de Galicia son “verdadeiramente alarmantes”, xa que é a segunda Comunidade Autónoma coa maior taxa de suicidios, cun caso ao día -340 ao ano-, e os galegos son os que máis psicofármacos consumen.

O responsable socialista advertiu que esta é a consecuencia da nula atención do goberno galego, que permanece impasible mentres os galegos ven imposible seguir terapias con tempos de consulta axeitados. Besteiro adiantou tamén que os socialistas galegos impulsarán a integración dos centros de adicións e saúde mental á rede pública do Sergas.

Melloras profesionais

Besteiro explicou que incrementará o número de profesionais sanitarios, mellorando as condicións laborais e incentivando as prazas de difícil cobertura e garantindo a carreira profesional. Tamén ampliará as categorías profesionais de Atención Primaria ampliando as que actualmente están infrarrepresentadas -como Fisioterapia- e incorporando novos profesionais que agora non hai, como podólogos ou optometristas.

Os socialistas galegos convocarán tódalas prazas de formación habilitadas en Atención Primaria, e garantirán contratos de ata 3 anos de duración a tódolos médicos que rematen a súa formación MIR nesta especialidade.

Finalmente, anunciou que reformulará os centros de orientación familiar para convertelos en centros de saúde sexual e reprodutiva para toda a poboación, asegurando o dereito á interrupción voluntaria do embarazo dentro da sanidade pública e en tódalas etapas.

A Mariña

Nun encontro con colectivos sanitarios subliñou que esta comarca é a mostra das consecuencias reais dos recortes do PP, logo de desmantelar os servizos do Hospital da Costa ao suprimir a Área Sanitaria da Mariña.  Neste momento, engadiu, carecen de servizos básicos, demostrando que a supresión só provocou a perda de servizos, e pediu o voto da Mariña para restaurar os servizos sanitarios dunha comarca “sistematicamente maltratada” pola xestión do PP.

Lembrou a oposición do PP e do goberno galego a recuperar o servizo 24 horas na ambulancia asistencial de Foz e repoñer o segundo técnico de emerxencias sanitarias na medicalizada, impoñendo un servizo “de segunda” para toda a comarca. Criticou que o goberno galego continúe facendo “ouvidos xordos” ás demandas dos veciños e veciñas da Mariña.

Porto de Celeiro

Así, o candidato socialista comprometeuse a sacar á consellería do Mar do estancamento e a mellorar a xestión do novo fondo das políticas marítima, pesqueira e acuícola da Unión Europea (FEMPA) proposta para o período 2021-2027 “para que a frota pesqueira galega non perda nin un céntimo e desenvolva a toda a súa competitividade”.

Así, fixo fincapé no compromiso de traballar desde o próximo Goberno da Xunta man a man “para avanzar no desenvolvemento do sector pesqueiro da Mariña e de toda Galicia desde o horizonte da dixitalización, a xestión sostible e a protección do medio ambiente aproveitando cada céntimo que chegue de Europa”.

Fronte a xestión socialista, Besteiro denunciou “a incompetencia” da Consellería do Mar que perdeu 150 millóns de euros de investimento no sector pesqueiro procedentes do Fondo Europeo Marítimo e da Pesca 2015-2020. Sinalou que “dos 300 millóns que lle correspondían a Galicia a Xunta de Rueda só foi capaz de executar o 49%; unha xestión desastrosa que compromete de maneira directa a pervivencia dun dos sectores máis importantes da economía galega”, incidiu.

O candidato socialista á presidencia da Xunta asegurou nunha reunión coa Asociación de Produtores do Porto de Celeiro que “cun goberno socialista  liderando a Xunta o sector pesqueiro por fin será escoitado”. Afirmou que o apoio á industria do mar séguese demostrando día a día desde o Goberno de España, “coa ansiada xestión en Bruxelas de fondos europeos específicos no marco do PERTE Agroalimentario”.

Besteiro recordou que o PERTE Mar-Industria era unha das principais demandas da industria do mar, asegurando que “pronto se poderá acceder aos 50 millóns de euros que vén de anunciar o ministro, Luís Planas, para que as empresas transformadoras poidan desenvolver proxectos estratéxicos de economía circular e dixitalización”.

“Demostramos unha vez máis que os socialistas cumprimos e facemos que as axudas pasen do papel á realidade das empresas, porque cremos nunha Galicia con máis e mellor economía, con máis emprego, con máis dereitos e con máis ambición de país”.

O candidato socialista puxo de manifesto o “gran traballo” dos produtores do porto de Celeiro, “sinónimo de bo facer e de éxito na industria, que se exemplifica nas súas capturas e na súa  frota”. Subliñou que a industria do mar en Galicia é a punta de lanza do desenvolvemento do sector pesqueiro español e animou aos produtores de Celeiro a seguir traballando na senda da innovación para gañar competitividade.

Besteiro tamén avogou por unha estratexia galega do mar que implique a todos os actores do sector mar-industria e sume esforzos para mellorar a capacidade de negociación da Xunta en Europa.