Skip to main content
Burela

Burela celebra un Maratón de Lectura co gallo do Día de Rosalía

Por 21 Febreiro, 2024Sin comentarios

Co motivo da celebración do Día de Rosalía este venres 23 de febreiro, as concellerías de Educación e de Cultura do Concello de Burela organizan un Maratón de Lectura que se celebrará no Salón de Plenos.

A xornada dividirase nunha quenda de mañá, de 10.00 a 14.00 horas, na que participarán os rapaces e as rapazas dos centros educativos, e unha quenda de tarde, a partir das 16.00 horas, na que participarán outras entidades e público xeral.

A única premisa do maratón será a lectura de textos en galego, de libre elección polos lectores que se animen a participar.

“Ademais, realizaremos unha selección de poemas de Rosalía para que o público xeral poida gozalos neste maratón, abrindo así a nosa biblioteca municipal a toda a veciñanza e achegando a cultura galega”, sinala a concelleira de Cultura, Lina Gómez.

“Para nós son fundamentais as iniciativas deste tipo, coas que promovemos non só unha figura tan transcendental para toda Galicia como a de Rosalía de Castro, senón tamén o uso da nosa lingua e a defensa nosa propia cultura”, sinala pola súa banda o concelleiro de Educación, Mario Pillado.

“Ademais, cremos que é fundamental concienciar nestas cuestións dende a infancia e a mocidade, e por iso presentamos este formato de Maratón”, engade Pillado.