Skip to main content
Burela

Este ano si se poderá cultivar patacas en Burela

Por 22 Febreiro, 2024Sin comentarios

O Concello de Burela comunica aos seus veciños e veciñas que este ano poderán cultivar patacas, unha vez superados os problemas derivados da couza guatemalteca.

Nos últimos anos, Burela viuse afectado pola praga denominada couza guatemalteca da pataca, provocada polo organismo nocivo Tecia Solanivora Polvony. Esta praga levou á Consellería de Medio rural a establecer unhas medidas fitosanitarias urxentes para o seu control e erradicación.

Dado que o Concello de Burela quedou na zona infectada, nos últimos anos prohibiuse o cultivo deste alimento, “pero grazas á responsabilidade de todos os veciños, este ano saímos da zona demarcada como infectada e, por tanto, novamente podemos cultivar patacas”, explica a alcaldesa, Carmela López.

Para poder cultivar a pataca, o requisito que se pide é cumprimentar unha declaración na plataforma da Consellería de Medio Rural da Xunta de Galicia, código de procedemento MR465C.

“Somos conscientes de que poden ser trámites administrativos tediosos e, por iso, dende o concello queremos axudar a todos os veciños que teñan interese en cultivar a pataca a cubrir a declaración”, engade a alcaldesa.

“Sabemos que foron moitos anos sen cultivar este alimento, pero este ano podemos volver demostrar o orgullo das nosas patacas e porque somos coñecidos por ‘Os Pataqueiros”, remata López.