Skip to main content
Lourenzá

Mayra García Bermúdez pide o apoio dos votantes do PP “que se senten enganados por Feijóo”

Por 14 Febreiro, 2024Febreiro 16th, 2024Sin comentarios

A candidata do PSdeG pola provincia ao Parlamento de Galicia Mayra García Bermúdez dirixiuse este mércores “a todas aquelas persoas que votaron ao PP e que se senten enganadas e manipuladas por Feijóo coas súas mentiras sobre os indultos e a amnistía” para que lle dean o seu apoio ao Partido Socialista o vindeiro domingo.

Mayra García participou este tarde nun mitin na Casa da Cultura de Alfoz, xunto ao Tenente de Alcaldesa na localidade e tamén candidato ás autonómicas, Jorge Val, e a número 9 da lista socialista pola provincia, Catalina Fernández. No encontro, Mayra García subliñou que Feijóo, “coa complicidade de Rueda”, “estívolle mentindo á cara durante meses aos seus propios votantes, dicíndolles que se rompía España, que era unha indignidade e unha traizón, cando o propio PP recoñece agora que negociou por detrás con Junts o indulto a Puigdemont e mesmo estudou a amnistía, medidas que, se desbotou, foi só porque os seus únicos socios, a ultradereita de Vox, lles dixo que así non”.

“Pedimos a todas estas persoas, defraudadas co PP de Feijóo e de Rueda, que confíen no Partido Socialista, en Besteiro, unha persoa honesta, de palabra, decente e valente, que non lles vai fallar, como xa o ten demostrado en toda a súa traxectoria política”, subliñou a candidata socialista ao Parlamento de Galicia.

Mayra García Bermúdez tamén se dirixiu a aqueles votantes e simpatizantes do Partido Socialista que “nalgún momento puideron ter dúbidas para pedirlles que sigan confiando no Presidente do Goberno, Pedro Sánchez, e que se volquen ao máximo nesta recta final da campaña para apoiar ao Partido Socialista e a Besteiro”.

“O que estamos facendo os socialistas é o camiño para resolver un problema que nos deixou Rajoy e o PP dende o ano 2017. É o camiño para pasar páxina e para mellorar a convivencia no noso país. Un país que será mellor, que será máis forte, coidando e respectando a pluralidade e a diversidade que o define. O PP sabe que esta é a solución. Eles mesmos, o propio Feijóo, recoñéceno agora, pero parapétanse coma sempre na mentira, na crispación, no ataque para danar ós rivais políticos”, recalcou.

“Merece a pena esforzarse ata o final, saír e pedir a todos os nosos veciños e veciñas que voten socialista. Somos o único partido que pode liderar o cambio en Galicia, porque Besteiro ten experiencia e capacidade de xestión, porque ten un proxecto ambicioso para  este país, e porque ten fío directo co Goberno de España para sacalo adiante, para rescatar a sanidade pública do desastre que creou o PP, para apoiar a educación pública, para mellorar o transporte público e para crear vivenda pública, pero tamén para crear emprego e riqueza coa reindustrialización de Galicia, tanto na costa, como no interior, coa transformación dos produtos do sector primario”.