Skip to main content
Ribadeo

O 17 de marzo será o 2º Concurso PuzzlEO de Ribadeo

Por 26 Febreiro, 2024Febreiro 27th, 2024Sin comentarios

Ribadeo acollerá o 2º Concurso PuzzlEO RibadEO para colocar ao pobo no mapa de quebracabezas desta afección. A cita terá lugar o domingo 17 de marzo de 2024 ás 10.00 horas no pavillón municipal de Deportes de Ribadeo.

O evento está organizado por AEPUZZ e a Asociación Cultural A Ronqueta co apoio do Concello de Ribadeo e colaboradores como O Ferrado Marelo, Doctor Panush, Bis a Bis e Trece Decoración y Eventos.

A modalidade escollida é a de parellas: todas as parellas participantes montarán simultaneamente un quebracabezas de 500 pezas, igual para todas, sendo a gañadora a parella máis rápida. Dispoñen dun tempo máximo de dúas horas.

Unha novidade neste ano é o concurso para a modalidade infantil, con tres categorías divididas por rangos de idade. Poderán participar nenos e nenas entre 4 e 12 anos e terán que completar quebracabezas de 100, 200 ou 300 pezas, iguais dentro de cada categoría. Disporán dunha hora e media para facelo e os gañadores serán os que antes rematen de facer o seu respectivo quebracabezas.

As prazas están limitadas a 60 participantes na categoría infantil (20 participantes por categoría) e de 60 parellas na modalidade de parellas. E as inscricións deben realizarse a través da páxina web de AEPUZZ www.aepuzz.es a partir do 26 de febreiro de 2023. O custo da inscrición é de 10 euros infantil e 18 euros por parella, aplicándose un desconto de 3 euros por persoa para ribadenses ou socios e socias de AEPUZZ. Haberá premios e trofeos para as tres primeiras parellas e para a mellor parella local.

Toda a información sobre as bases do concurso pode consultarse na mesma páxina web de AEPUZZ https://aepuzz.es/i-concurso-puzzleo-ribadeo. No correo electrónico puzzleoribadeo@gmail.com resolverase calquera dúbida ao respecto.

En Ribadeo, e no resto da Mariña Lucense, son varias as persoas afeccionadas aos quebracabezas e que forman parte da Asociación Española de Puzzles AEPUZZ. Esta organización sen ánimo de lucro ten como misión promover diferentes eventos relacionados cos quebracabezas e os máis habituais son os concursos de quebracabezas.