Skip to main content
Ribadeo

Dani Vega valora positivamente o traballo de Sepes para reactivar o polígono industrial de Ribadeo

Por 29 Febreiro, 2024Sin comentarios

O alcalde, Dani Vega, amósase esperanzado nos resultados do traballo de Sepes para reactivar o polígono industrial de Ribadeo. O rexedor mantivo un encontro en Madrid coa presidenta deste ente, Leire Iglesias.

Vega contou que “a reunión que tivemos en Sepes temos que valorar que foi positiva e estamos esperanzados en que dea resultados. Levábamos moitas propostas e evidentemente temos que ir coordinados”.

O alcalde explicou que “Sepes está a disposición de facer unha revisión dos prezos, que nosoutros xa lle pedimos, e terán unha conclusión aproximadamente en maio. É unha revisión de prezos de todas as parcelas. Iso é un paso importante, cualitativo e cuantitativo. Polo tanto aí estamos nun camiño correcto, desde o noso punto de vista, para que Sepes baixe o prezo e que o revise en todas as parcelas”.

Dani Vega dixo que “tamén temos que facer unha promoción conxunta do polígono industrial. Non é algo única e exclusivamente de Sepes, o Concello debe axudar e colaborar tamén para promocionar estas parcelas, para que veñan emprendedores ao noso polígono industrial.  Aproximadamente en xuño haberá unha reunión aberta para aqueles emprendedores que queiran comprar unha parcela no polígono e así poñer en marcha o seu proxecto empresarial”.

O rexedor indicou que “foi unha reunión onde propuxemos, na que Sepes escoitou e tamén propuxo. O Concello aceptou colaborar na promoción e na difusión do que é o polígono industrial de Ribadeo”.

E engadiu: “nosoutros sempre o dicimos, cando hai un espírito de entendemento, colaboración e portas abertas por parte das administracións a traballar e xestionar conxuntamente creo que estes son os pasos que hai que dar, os que dan froito e os que fan crecer Ribadeo”.