Skip to main content
Viveiro

Listo o calendario de actividades do programa Xunt@s en Viveiro

Por 16 Febreiro, 2024Sin comentarios

O Concello de Viveiro anuncia o calendario de actividades do programa Xunt@s, que a Deputación de Lugo leva a cabo en colaboración co Goberno local na vila. A iniciativa busca impulsar a participación cidadá e o asociacionismo, con actividades dirixidas a todos os grupos de idade.

“Este tipo de actividades permiten dinamizar a vida social en Viveiro, con opcións de ocio saudables e ás que se pode sumar calquera veciño ou veciña, sen importar a súa idade ou coñecementos previos”, sinala María Loureiro, alcaldesa de Viveiro.

Dunha banda, proponse unha actividade de promoción do deporte e ximnasia de mantemento, que se celebrará os martes e xoves de 11.30 a 12.30, dende o 20 de febreiro e nos meses de marzo e abril, no conservatorio profesional de música.

As persoas participantes recibirán unha esterilla e unha botella reutilizable de auga, que poden recoller antes de asistir á actividade na secretaría do Concello de Viveiro. As inscricións son gratuítas e poden xestionarse na propia secretaría do Concello ou no teléfono 982560128. No caso de restar prazas, as persoas poderán sumarse á actividade o mesmo día que se inicie.

Doutra banda, ofrécese unha actividade de uso do smartphone, que se desenvolverá en grupos pequenos. A proposta é aprender a usar o propio smartphone, sacándolle partido ás distintas funcionalidades. As persoas interesadas poden escoller entre dúas opcións de horario: o 6 ou o 13 de marzo, de 10.30 a 12.30. As inscricións son gratuítas e poden xestionarse na propia secretaría do Concello ou no teléfono 982 560 128.

“Animamos á cidadanía a sumarse a estas actividades, no caso da deportiva, contarán co material necesario, mentres que na actividade sobre o smartphone, os grupos serán reducidos para facilitar a aprendizaxe”, engade a concelleira de Benestar Social, Infancia e Saúde, Catalina Fernández.

Por último, prográmanse dúas charlas dirixidas a todos os públicos. O 1 de marzo, ás 17.00, celebrarase unha charla de nutrición e hábitos saudables. O 7 de marzo ás 16.00, proponse unha charla do psiquiatra Luis Ferrer i Balsebre, un referente neste campo, sobre como encarar o proxecto de vida con positividade, con ferramentas para acadar o éxito profesional e social.