Skip to main content
Comarca LUGOXALugo

O sector da limpeza de Lugo desconvoca a folga tras 129 días e logra unha suba salarial do 18,3% en 4 anos

Por 22 Febreiro, 2024Febreiro 24th, 2024Sin comentarios

As asembleas de traballadoras celebradas este xoves ratificaron o por práctica unanimidade o preacordo acadado entre a CIG e a patronal para o convenio colectivo da limpeza de Lugo. Este aval por parte do sector supón tamén a desconvocatoria da folga indefinida iniciada o pasado 16 de outubro. A representante da CIG, Asunción Castiñeira, destaca o sentir das traballadoras e dos traballadores que participaron nas asembleas, que trasladaron a súa satisfacción polos termos do preacordo tanto no relativo ao incremento do 18,3 % durante a vixencia do convenio, como polas cláusulas que se establecen e as melloras laborais recollidas.

Tamén se amosan satisfeitos por conseguir frear os recortes que a patronal estatal ASPEL pretendía introducir no cobro dos trienios modificando o sistema de cálculo da antigüidade. Este recorte estivo dende o primeiro día enriba da mesa e era unha das propostas ás que a patronal non estaba disposta a renunciar. “Foi grazas á capacidade de loita, á determinación e á resistencia das traballadoras como se conseguiu a súa retirada”, salienta Castiñeira. En materia económica, subliña que nunca se acadaran unhas subas salariais tan elevadas no convenio provincial da limpeza e, incluso a nivel estatal, os incrementos pactados son os máis altos dos convenios asinados neste sector en datas recentes.

Castiñeira engade que as subas acordadas tamén se aplicarán ao plus de traballo en domingos e festivos; que se introduciu unha cláusula de garantía de que todas as traballadoras e traballadores cobrarán, como mínimo, o SMI vixente en cada momento; e unha cláusula para aplicar de maneira automática unha suba do 2% se no primeiro trimestre de 2027 non se constituíu a comisión negociadora.

Exemplo de loita

A CIG quere pór en valor a exemplar loita levada adiante polas traballadoras da limpeza, que foron capaces de soster unha folga durante 130 días para enfrontar unha patronal moi belixerante e intransixente (na que están empresas tan poderosas como Acciona, Clece, Eulen, FCC, Sacyr ou Ingesan), que buscaba neste convenio consolidar a pobreza e a precariedade laboral.

“As traballadoras entenderon e acreditaron na mobilización como o único camiño para avanzar nos seus dereitos. A súa loita é un exemplo para toda a clase obreira e un exemplo de loita feminista contra a precariedade e a explotación nun sector esencial e feminizado pero tan pouco valorado como a limpeza”, asevera Asunción Castiñeira.