Skip to main content
Cultura LUGOXALugo

A maxia das parroquias: San Pedro de Labio

Por 10 Febreiro, 2024Sin comentarios

Nesta parroquia, moi próxima a Castroverde, poden visitarse dúas capelas, Vilachá e Vilariño

Setenta e oito son as persoas que actualmente residen en San Pedro de Labio, unha parroquia do municipio de Lugo, moi preto xa de Castroverde. Cun total de oito entidades de poboación a metade dos seus habitantes son homes e a outra metade mulleres. Dos seus oito núcleos só seis conservan na actualidade poboación e son O Couto, Labio, Prateiro, Vilachá, Vilariño, Vilarvente sendo esta última e Vilachá os núcleos con máis concentración de habitantes, 26 cada un.

A igrexa parroquial de Labio é, en liñas xerais, un edificio do século XVII aínda que moi reformado ao longo de diferentes épocas. A fachada principal desta construción está lixeiramente separada do resto do edificio, e lixeiramente inclinada. Con aparello de perpiaño ten un arco de medio punto na porta e na parte superior unha espadana dun só van onde está situada unha campá. Dous muros sen cuberta unen a fachada coa nave.

Cunha cuberta de madeira e lousa a dúas augas esta nave conta cunha porta principal alintelada e con chanzos no seu interior para salvar o desnivel do terreo, unida a esta principal hai outra porta de acceso no lateral dereito. A capela maior é unha prolongación da nave principal a través dun arco de medio punto, de forma cuadrangular ten unha cuberta a tres augas e pegada a esta atópase a sacristía con porta de acceso no lateral dereito.

No interior da igrexa pódense atopar varios retablos, datado o maior da época neoclásica con catro columnas. Das tres imaxes que se poden observar nel a máis grande correspóndese con San Pedro, a seguinte maior coa Virxe e a máis pequena é Santa Teresa.

O retablo situado no lateral esquerdo ten unha pintura moi deteriorada cunha lenda borrosa na que aínda se pode apreciar a data de 1660. Como imaxes conta cunha figura da Virxe de Fátima bastante actual, outra de Santa Marina do século XVI e outras dúas de arte popular, San Antonio de Padua e outro santo sen identificar. O altar actual está sostido pola primitiva pía bautismal de granito.

Na parroquia de San Pedro de Labio, ademais da súa igrexa parroquial tamén se poden visitar dúas capelas, a de Vilachá e a de Vilariño. A primeira é unha pequena edificación rectangular con cuberta a dúas augas que garda no seu interior unha imaxe da Dolorosa e un San Antonio.

Pola súa parte a capela de Vilariño, recentemente restaurada, ten tamén unha planta rectangular e sobre o lintel da porta pódese ler a seguinte inscrición, Es de esta casa, año de 1814.

Unido ao patrimonio arquitectónico desta parroquia Labio esconde no monte da Medorra, a setecentos metros de altitude sobre o nivel do mar, case no límite con Barredo un xacemento de petróglifos. Trátase dunha combinación de círculos concéntricos con coviña central e tres cazoletas de moi boa factura que non están moi erosionadas polo paso do tempo o que permite velos con facilidade.

Teñen unha antigüidade aproximada de 4.000 anos, sendo unha das manifestacións artísticas máis peculiares e enigmáticas da prehistoria de Galicia.

Canto ao que representan e dada a diversidade onde aparecen, terían un significado simbólico-relixioso de difícil interpretación onde se representaría algún tipo de ritual, delimitadores de espazos sagrados ou máxicos.