Skip to main content
Antas de Ulla

Antas de Ulla acolle a presentación dun libro da Real Academia Galega sobre os seus nomes de lugar

Por 14 Febreiro, 2024Sin comentarios

A casa da cultura de Antas de Ulla acolle este venres 16 de febreiro, ás 18.30 horas, a presentación do volume Toponimia de Antas de Ulla, un traballo de Andrea Santiso Arias (Antas de Ulla, 1998) sobre os nomes de lugar deste concello da comarca luguesa da Ulloa. A obra sae do prelo dentro da colección Terra Nomeada, froito da colaboración do Seminario de Onomástica da Real Academia Galega e da Asociación Galega de Onomástisca.

Na presentación, de entrada libre, canda a autora intervirán o presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes; a académica Ana Boullón, en representación da AGOn; o coordinador do Seminario de Onomástica, o académico Antón Santamarina; e a alcaldesa de Antas de Ulla, Pilar García Porto. O libro publicouse co apoio económico do propio Concello de Antas de Ulla, a Xunta de Galicia e o Ministerio de Ciencia e Innovación.

Toponimia de Antas de Ulla, dispoñible en edición dixital na páxina de publicacións de academia.gal, percorre as 28 parroquias deste municipio lugués e os seus 133 lugares afondando na súa orixe e significado. Son en total 163 topónimos, aos que Andrea Santiso engadiu outros dous que non figuran no Nomenclátor de Galicia (cinguido aos nomes de entidades de poboación), O Campo das Antas e O Rego do Santo, así como o do monte Farelo.