Skip to main content
Baleira

O PSOE de Baleira denuncia que a Xunta deixou o centro de saúde “cun único medico, e só por horas”

Por 15 Febreiro, 2024Sin comentarios

A Agrupación Socialista de Baleira denuncia a situación “insostible que provocou a Xunta de Galicia no centro de saúde da localidade”, ao deixalo cun único médico, que ademais atende a tempo parcial, “só por horas”, a unha poboación que supera os mil habitantes e moi envellecida, polo que a atención sanitaria próxima e de calidade é aínda máis necesaria.

O Voceiro do PSdeG no Concello, José Tellado, advirte de que “a situación é moi grave”. “Se hoxe mesmo pedimos cita para calquera consulta, independentemente de para que sexa, non hai ocos libres ata dentro de 10 días”.

O socialista esixe máis persoal para o ambulatorio porque “non podemos seguir así. O médico que nos atende non ten culpa e está vivindo unha situación estresante, véndose moitas veces sobrepasado ante a cantidade de pacientes que ten que atender e que non pode”.

Ante esta situación, explica José Tellado, moitos pacientes vense na obriga de ter que acudir ao Punto de Atención Continuada (PAC) do Corgo para poder ser atendidos das doenzas que padecen, pois “non poden esperar tantos días a que os vexa un facultativo no noso centro de saúde. Estamos falando de moitos días e moitas veces son problemas urxentes”. Engade que o desprazamento ao Corgo dende moitos dos puntos do concello supón percorrer uns 30 quilómetros para ir e outros 30 para volver, “algo inasumible, cando ao mellor estás moi enfermo, nun proceso postoperatorio ou non tes quen te leve, porque moitas persoas maiores teñen que recorrer a familiares ou a taxis para poder ir ao médico”.

En todo caso, para os socialistas sería moito máis idóneo que se puidese acudir ao PAC de Meira, pois “para moitas persoas está a 5 ou 10 minutos, chegando en moito menos tempo. Non entendemos esta organización”.

O voceiro socialista recalcou que a situación do centro de saúde de Baleira “é consecuencia do desmantelamento da sanidade pública que fixo o PP durante os quince anos de Feijóo e Rueda no Goberno”, e puxo en valor que o candidato do PSdeG á Presidencia da Xunta, José Ramón Gómez Besteiro, rescatará a Atención Primaria cun plan de choque nada máis chegar ao Executivo galego para acabar con este tipo de deficiencias, que prexudican gravemente o benestar dos veciños, sobre todo do rural. Para elo, dotará de máis investimento e máis persoal á sanidade pública, ademais de mellores condicións laborais para os profesionais.