Skip to main content
BecerreáSarria

O deputado provincial Pablo Rivera critica o “pésimo estado” da estrada autonómica de Becerreá a Sarria

Por 15 Febreiro, 2024Sin comentarios

O “pésimo estado” da estrada autonómica LU-636, que comunica os concellos de Becerreá e Sarria, “é outro motivo máis para desaloxar ao Partido Popular da Xunta de Galicia, votando a Besteiro este vindeiro domingo nas eleccións autonómicas”.

Así o manifestou o deputado provincial Pablo Rivera, que, xunto á candidata socialista pola provincia ao Parlamento de Galicia Teresa Fernández e a voceira do PSdeG nas Nogais, Sonia Fernández, denunciaron que “a inacción e incompetencia” dos gobernos de Feijóo e Rueda destes últimos 15 anos en materia de infraestruturas na provincia de Lugo “ten efectos desastrosos” como a situación da LU-636.

“Teñen paralizadas todas as obras que son estratéxicas para o desenvolvemento social e económico da nosa provincia, pero ademais nin se ocupan de conservar, manter e mellorar as xa existentes, como é a LU-636”, que presenta múltiples problemas no pavimento, curvas cerradas e sen quitamedos, o que provoca un “un gran risco de accidentes” para os numerosos condutores que utilizan a vía, vertebradora desta parte da provincia, e que supón o enlace entre a comarca de Sarria e a A-6, subliñou Pablo Rivera.

“Manipulación e ruído”

“Desgraciadamente, en vez de ter a varios alcaldes da contorna defendendo o rural e  os intereses dos veciños, e solicitando á Xunta que arranxe de maneira inminente esta estrada, que está nun estado lamentable, atópanse alentando manifestacións en contra do Partido Socialista, e de todo o que levamos facendo aquí durante moitos anos, manipulando e facendo ruído”, mentres o PP no Goberno galego “ten totalmente abandonada A Montaña”.

O Deputado recalcou que o PSdeG, con José Ramón Gómez Besteiro á fronte da Xunta de Galicia, terá a mellora da mobilidade como eixo central de actuación para favorecer o equilibrio territorial e dinamizar a economía e o emprego, factores esenciais para loitar contra o reto demográfico e fixar poboación no rural.