Skip to main content
Castroverde

O delegado do Goberno pon en valor a capacidade do Concello de Castroverde para captar fondos e asentar poboación

Por 2 Febreiro, 2024Sin comentarios

O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, destacou no concello de Castroverde a importancia da conservación e rehabilitación do patrimonio histórico como ferramenta para asentar poboación no rural e reactivar a economía, facilitando o emprendemento e a creación de novos postos de traballo. Así o explicou nun encontro que mantivo co alcalde, Xosé María Arias, con quen visitou o barrio da Fortaleza.

Así foi quen de coñecer de preto o proxecto de humanización e mellora que opta ao financiamento do programa 2 % cultural do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana. Pedro Blanco puxo en valor o traballo do rexedor para “buscar oportunidades no seu concello a través da captación de fondos, con proxectos que melloran os espazos públicos e enxalzan o seu valor patrimonial, mantendo a identidade e fortalecendo a comprensión entre xeracións”.

Nesta liña, o delegado destacou a aposta pola “recuperación e conservación arquitectónica da provincia, o que contribuirá á potenciación do turismo e a cohesión social”, destacando que “por este lugar pasa o Camiño Primitivo de Santiago, unha zona de especial relevancia patrimonial polo castelo que dá nome ao barrio e polo paso da ruta xacobea”.

A importancia da revalorización do patrimonio dos concellos reflíctese no incremento que experimentou o programa co aumento da porcentaxe de financiamento desta nova convocatoria, elevándose do 1.5 % ao 2 %, o que supón 20 millóns de euros máis, ata un total de 80 millóns de euros dispoñibles na convocatoria deste ano.