Skip to main content
Castroverde

A proba BTT A Fortaleza de Castroverde, dos primeiros circuítos en incluír o gravel en Galicia

Por 8 Febreiro, 2024Sin comentarios

O vicepresidente da Deputación de Lugo e deputado de Deportes, Efrén Castro, e a deputada de Cultura de Patrimonio histórico artístico, Iria Castro, animaron a participar na proba de BTT A Fortaleza, que se celebra no concello de Castroverde o sábado 20 de abril. Os representantes provinciais estiveron acompañados dos organizadores da proba que, en dúas semanas xa ten preto dun cento de persoas inscritas.

Como principal atractivo, esta competición conta cunha proba de gravel de 68 quilómetros e 1.700 metros de desnivel. Nesta modalidade, os participantes percorrerán estradas afastadas do tráfico e, sobre todo, pista de grava e area. Ademais conta con dúas distancias de 50 quilómetros e 1.500 metros de desnivel e 30 quilómetros e 800 metros de desnivel. Unha competición que permitirá percorrer o patrimonio de Castroverde e pór en valor a súa historia ao tempo que se practica deporte ao aire libre e en compañía.

Efrén Castro celebrou a posta en marcha desta proba de gran categoría que “atraerá aos ciclistas que queiran un novo reto e descubrir este Concello”. Deste xeito, esperan que A Fortaleza teña “unha longa vida e o éxito destas primeiras semanas de inscricións demostra que gusta e está traballada dende a organización”. Tamén agardan que se converta nun referente, xa que o gravel está sendo cada vez máis demandado e, esta proba é nunha das primeiras que inclúen este tipo de circuíto en Galiza”.

Dende a organización afirman que se trata dunha competición que busca dar a coñecer o patrimonio natural e cultural de Castroverde, onde a ruta percorre lugares como Soutomerille, de gran valor histórico. “Coa posta en marcha da Fortaleza queremos que todas as persoas se animen a participar nesta actividade ao aire libre e conseguir que o ciclismo sexa unha alternativa para o ocio da provincia”, aseguran.

Pola súa banda, Iria Castro destacou a importancia de contar “cunha competición como esta en Castroverde, un concello do rural que necesita actividade e atraer visitantes”. Recordou tamén que as inscricións estarán abertas ata o 16 de abril na páxina web de Champion Chip Norte.