Skip to main content
Castroverde

Adega organiza unha ruta pola parroquia de Soutomerille, en Castroverde

Por 11 Febreiro, 2024Sin comentarios

Adega-Lugo organiza unha ruta pola parte occidental do concello de Castroverde. A proposta, que forma parte do programa As montañas gardiás da nosa historia, será o vindeiro domingo 25 de febreiro, consta dun percorrido duns 18 quilómetros de dificultade media. A iniciativa aproveita varios tramos de itinerarios sinalizados pola Asociación de Amigos do Patrimonio de Castroverde.

A andaina comezarase na igrexa de Vilar de Cas, dirección a Areeira da Pallota, onde recentemente se levou a cabo unha actuación de restauración ambiental nos ocos dunha explotación abandonada de extracción de area. Na parte inicial do percorrido poderase contemplar varios bens sobranceiros da parroquia de Soutomerille como a igrexa de orixe antiga, como revela a fiestra visigótica da cabeceira; a Casa Torre de Abaixo e o cemiterio, considerado un dos máis pequenos de Galicia.

Tamén se percorrerá un pequeno tramo do Camiño Primitivo por sendas franqueadas de antigos muros e castiñeiros centenarios. O percorrido continúa  cara á aldea de Santo André de Barredo, situada aos pés da Serra de Outeiro Maior, cordal montañoso que configura unha zona tampón da reserva da biosfera Terras do Miño. Pasando por Vilar dos Naraos, achegarase a dous cumios desta serra, O Pico e A Pena Branca, na que se pretende instalar un parque eólico.

A camiñada continuará cara ao norte, ata chegar ao núcleo rural da Meda, pasando preto da súa igrexa e doutros bens de interese patrimonial, como a onte, ou o cruceiro. A partir deste momento, cámbiase a dirección cara ao sur, pasando polas proximidades do Castro Peón, dentro xa da parroquia de San Xoán de Barredo. Logo, volverase a entrar en terras de Soutomerille, ascendendo ao xacemento castrexo coñecido como A Croa.

Percorrerase parcialmente este outeiro, onde existen formacións rochosas asociadas a lendas populares. No descenso pasaremos preto doutra edificación histórica, a Casa Torre de Arriba, continuando cara ao sueste ata chegar ao núcleo rural de Vilar de Cás, na parroquia de Moreira, onde se finaliza o percorrido. O prezo da ruta é de 6 euros e conta con seguro de accidentes. Para participar é necesario inscribirse antes do venres 23 ás 13.00 horas a través do formulario de reserva ou chamando ao 982 240 299.