Skip to main content
Cervantes

O BNG de Cervantes urxe ao alcalde ao arranxo da estrada que comunica Vilasante e Vilar de Cucos co resto do concello e coas Nogais

Por 12 Febreiro, 2024Sin comentarios

O BNG de Cervantes urxe ao alcalde ao arranxo da estrada que comunica Vilasante e Vilar de Cucos co resto do concello e coas Nogais.

“No inverno esta estrada convértese nun perigo para as condutoras e os condutores que circulan por ela”, din os nacionalistas. O BNG demanda do concello que “tome as medidas necesarias para pór fin á perigosidade que caracteriza a esta estrada no inverno, evitando que acabe dando lugar a unha desgraza”.

“A agua que discorre por parte desta vía, nas curvas por riba de Vilar de Cucos, convértese neste época nunha placa de xeo que converte en intransitábel esta estrada” explica Bernardo Valdês, portavoz do BNG en Cervantes.

Hai que subliñar que esta vía é de uso obrigatorio para as veciñas e os veciños destes lugares, tanto para dirixirse ao resto do concello como para saír cara as Nogais. Precisamente “a veciñanza destes lugares  hai tempo que ven reiterando ao concello a súa preocupación pola perigosidade desta vía no inverno e demandando unha solución. Sen embargo o grupo de goberno de Cervantes, até agora, non deu resposta ás demandas veciñais”, di Valdês.

“Dende o BNG instamos ao alcalde a acometer a obra necesaria para retirar a auga da estrada evitando que se converta todos os invernos nun perigo para os condutores que circulan por ela” conclúe Valdês.