Skip to main content
Lugo

O Pazo de San Marcos estrea a mostra de Ximendaz, Premio Galicia de Fotografía Contemporánea

Por 3 Febreiro, 2024Sin comentarios

A través das fotos das súas antepasadas, aborda temáticas como o poder patriarcal, os privilexios inherentes á masculinidade normativa e de clase ou a ocultación e transmisión de violencias no ámbito familiar e social

A fotografía como vehículo para desafiar as normas sociais, derrubar estruturas opresoras, fomentar a cura e o empoderamento, e celebrar a forza e a resiliencia das mulleres é a aposta da mostra Orixe da artista costarricense Glorianna Ximendaz. A sala de exposicións do Pazo de San Marcos acolleu este venres a inauguración da proposta, que acolle nun formato expositivo o proxecto gañador da undécima edición do Premio Galicia de Fotografía Contemporánea e poderá visitarse durante todo o mes de febreiro neste espazo provincial.

O prestixioso premio, organizado pola Asociación Outono Fotográfico coa colaboración da Vicepresidencia da Deputación de Lugo e outras institucións, recoñeceu un traballo sobre as violencias contra as mulleres, que a autora aborda desde a súa propia experiencia. No acto participaron a artista, Glorianna Ximendaz, de xeito telemático, a deputada de cultura da Vicepresidencia da Deputación Iria Castro, así como os coordinadores do Premio, Xosé Lois Vázquez, director do Outono Fotográfico e Vítor Nieves, curador da exposición e outros representante institucionais.

Castro convidou a visitar a mostra “de grande interese artístico e social xa que nos sitúa fronte ao impacto que as desigualdades e o patriarcado teñen en todos os aspectos da vida das mulleres”. Felicitou a Glorianna Ximendaz e agradeceulle poñer “o foco da imaxe nun dos grandes problemas da nosa sociedade”. A mostra estará na sede provincial ata o 29 de febreiro, e pode visitarse das 10.30 ás 14 e de 16.30 a 20.30 horas de luns a sábado, e de 11 a 14 os domingos e festivos. Tras a estrea en Lugo, percorrerá outras cidades de Galiza e Portugal.

Poder patriarcal e patróns de beleza

Ximendaz, a través das fotos das súas antepasadas, desde a tataravoa até ela propia, aborda temáticas como o poder patriarcal, os privilexios inherentes á masculinidade normativa e de clase, a ocultación e transmisión de violencias no ámbito familiar e social, as penalizacións impostas ás mulleres que desafían a orde patriarcal, a esixencia de patróns de beleza opresivos, a violencia obstétrica, e a sexualidade forzada.

O xurado da XI edición do Premio Galicia de Fotografía Contemporánea, que visualizou proxectos chegados desde numerosas localidades de toda Europa, América e África estivo este ano composto por Rita Ibarretxe, historiadora da arte, curadora independente e fotógrafa; Paulo Cacais, director artístico do festival Álbum (Terrassa), curador e artista; Carla Bacellar, codirectora do festival Encontros da Imagem (Braga, Portugal) e curadora; Xosé Lois Vázquez, presidente da Asociación Outono Fotográfico, editor e fotógrafo e o curador e profesor Vítor Nieves.

Por parte das institución patrocinadoras, Eduardo Ochoa, fotógrafo e presidente do Grupo Fotocinematográfico Fonmiñá (representando á Vicepresidencia da Deputación de Lugo) e Eva Torres, Directora Técnica de Espazos Expositivos e Áreas Museísticas do Concello de Ourense (en representación da Consellería de Cultura da Xunta de Galicia).