Skip to main content
Lugo

A Tradescola organiza este martes un Folión que percorrerá o centro de Lugo

Por 5 Febreiro, 2024Sin comentarios

A Tradescola, escola de música tradicional galega que xestiona a Asociación de Gaiteir@s Galeg@s na cidade de Lugo, realizará unha nova actividade propia das datas do entroido. Este martes día 6 de febreiro, levarán a cabo un Folión que partirá do Centrad 17.30 horas e onde todos os alumnos e alumnas que queiran participar irán marcando os ritmos característicos. Faranse paradas en distintas rúas e prazas do centro da cidade e realizaranse pequenas intervencións con bailes e cantos típicos do entroido.

Con esta saída polo centro da cidade pretenden que todo o público lle dea a benvida ao Entroido e poida participar de maneira activa acompañando os toques do folión e facendo posible que unha das tradicións máis fermosas do tempo de Entroido, e que é unha parte moi importante do noso patrimonio cultural.

Todos aqueles que queiran participar no Folión poden traer bombos ou ferramenta como sachos, cunchas, latas, cornos, chocas ou axouxeres. O percorrido parte do Centrad e logo seguirá polas rúas Montevideo, Quiroga Ballesteros, Santo Domingo, rúa da Raíña  e remata na praza Maior.

Un dos obxectivos da Tradescola é incrementar a presenza da música e do baile tradicional galego nos distintos ámbitos da sociedade. Para conseguilo realiza asiduamente numerosas actividades para achegar ao público a coñecer de preto o traballo da escola, ofrecendo formación a todas as persoas interesadas na música e no baile tradicional tanto na cidade de Lugo, onde imparte aulas diariamente, como no resto de comarcas da provincia a través da realización de diversas accións formativas relacionadas co ensino da música e baile tradicionais.