Skip to main content
Lugo

Rexenerar os barrios Feijoo e A Milagrosa custará máis de 10 millóns de euros

Por 8 Febreiro, 2024Sin comentarios

A alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos, mantivo este mércores o primeiro encontro institucional co delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, desde que tomou posesión como rexedora. No encontro priorizou, entre os asuntos abordados, o proxecto elaborado polo Goberno local para lograr que os barrios Feijoo e A Milagrosa sexan declarados como Contorna Residencial de Rehabilitación Programada. “Neste momento o Concello está ultimando a tramitación da memoria para validar a declaración de ERRP para este ámbito na Xunta de Goberno local”. Esta actuación permitirá optar ás distintas ordes de subvención que se convoquen, o que supoñería “unha inxección económica importante para poder materializar este proxecto con maior axilidade que se unicamente o facemos con fondos municipais”, sinalou a rexedora.

Tras realizar unha visita conxunta a estes barrios da zona norte da cidade, Alvarellos agradeceu o interese mostrado polo delegado do Goberno e a implicación do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana coas políticas de rehabilitación promovidas polo Concello. “Percibimos interese polo conxunto de iniciativas eleboradas para rexenerar urbanisticamente estes ámbitos e unha gran sensibilidade por parte do Goberno de España cara ás implicacións sociais que a súa execución supoñería”. Definiuno coma un “proxecto moi ambicioso, cunha magnitude considerable que implica actuacións tanto no espazo público como no privado”,

Máis de 8 millóns de euros en expropiacións

O custo conxunto estimado das intervencións deseñadas polo Executivo local ascende a 10.730.707 euros e implicaría tamén afrontar expropiacións por valor de 8’5 millóns para crear unha gran zona verde. O proxecto, elaborado polo estudo local GAU, inclúe tamén outras accións en rúas interiores para transformar os espazos existentes como a creación de diferentes bolsas de estacionamento. No ámbito privado, en toda a zona afectada computáronse 1.025 edificios, dos que 931 teñen uso residencial, o que supón o 90,84% do parque inmobiliario.

Neste sentido, a alcaldesa destacou a boa acollida que a iniciativa tivo entre as persoas propietarias e residentes destes dous barrios. De feito, dos 86 edificios analizados polo estudo municipal os propietarios de 69 estaría interesada en acollerse ao ERRP. En total son 353 construcións cuxa rehabilitación ascendería a 8.873.261 euros. “O éxito deste proxecto depende en boa medida da implicación das persoas propietarias e a sondaxe realizada apunta a unha gran implicación por parte da veciñanza. Por iso, tal e como xa lle trasladei a veciñanza, iniciaremos próximamente unha rolda de encontros co tecido social para explicar de primeira man o proxecto e incorporar as súas suxestións”, apuntou a alcaldesa.

Revitalizar os barrios

Pola súa banda, o delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, puxo en valor o impulso que esta iniciativa do Goberno local dará a contorna. “Hoxe coñecín da man da nova alcaldesa, Paula Alvarellos, o proxecto para rehabilitar o barrio da Milagrosa e a súa contorna. Un barrio senlleiro que desde o Concello queren revitalizar, respondendo ás necesidades e retos desta zona da cidade para mellorar a calidade de vida da súa veciñanza. Un compromiso por impulsar espazos amables, acolledores, concienciados e saudables que compartimos dende o Goberno de España”, sinalou.

“Defendemos o acceso a unha vivenda digna, adecuada e en boas condicións. Porque aínda que a competencia en materia de vivenda é das CCAA, desde o Goberno de España o consideramos unha responsabilidade compartida. Reivindicamos a colaboración entre administracións polo ben común”. Por iso asegura que apoian concellos como o de Lugo “no proxecto de transformación da cidade, que emprendeu Lara Méndez e ao que dará un novo impulso Paula Alvarellos”, destacou.

Antes de rematar, Blanco subliñou a estreita colaboración entre ambas institucións. “Nos últimos anos puxemos as bases dunha nova cidade, mellor comunicada e máis humana, que é sinónimo de innovación pero que non perde de vista a súa historia. Porque o tesón e o traballo conxunto do Goberno local e do Goberno de España fixeron posible que hoxe esta cidade estea no camiño do Lugo do futuro”, concluíu.