Skip to main content
Lugo

Feafes premia ao Concello de Lugo pola seu labor na integración de persoas con enfermidades mentais

Por 8 Febreiro, 2024Sin comentarios

O deputado de Xestión Territorial e Formación, Miguel Fernández, participou este mércores na entrega dos premios Empréganos, que recoñecen o labor que fan persoas, empresas e entidades pola inserción laboral das persoas con problemas de saúde mental. A Federación de Asociacións de Familiares e Persoas con Enfermidade Mental de Galicia (FEAFES) organizou o evento, que tivo lugar no Vello Cárcere de Lugo. A alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos, recolleu o recoñecemento deste colectivo polo labor do Concello de Lugo na integración de persoas con enfermidades mentais

Fernández sinalou que a institución provincial achega 34.000 euros a esta entidade para favorecer precisamente a intermediación laboral e manter unha bolsa de prácticas, algo moi necesario porque a día de hoxe son máis de 400 persoas con enfermidade mental inscritas como demandantes de emprego no Servizo de Emprego e Formación da provincia de Lugo. Na súa intervención subliou que, “se a sociedade non é quen de avanzar na liña de integrar a todo o mundo; de ofrecerlle a cada persoa un posto de traballo acorde coas súas capacidades, entón é a sociedade no seu conxunto a que ten un problema, e non as persoas”.

A incorporación ao mercado laboral é “unha ferramenta fundamental de integración social”, xa que traballo supón “independencia económica, socialización, convivencia e, sobre todo, reforzo da autoestima, ao sentirse útil e capaz de aportar achegas de valor á sociedade”, valorou. Nese sentido, explicou o deputado que o Goberno provincial defende a creación de emprego “como unha das nosas políticas fundamentais” polo que ten de xeración de riqueza á provincia, pero tamén polos seus valores transversais.

FEAFES é unha entidade sen ánimo de lucro, constituída no ano 1995, que agrupa en Galicia a un total de 33 asociacións que teñen como obxectivo mellorar a calidade de vida das persoas con enfermidade mental, así como das súas familias e achegados.