Skip to main content
Lugo

A brigada de obras atendeu preto de 1.000 reclamacións veciñais no 2023 en Lugo

Por 8 Febreiro, 2024Febreiro 9th, 2024Sin comentarios

O tenente de Alcalde, Rubén Arroxo, xunto co  concelleiro de Infraestruturas Urbanas, Alexandre Penas, visitaron ao persoal da brigada municipal de vías e obras, que durante o ano 2023 atenderon un total de 960 reclamacións veciñais. Arroxo destacou que “as preto de 1000 reparacións realizadas durante todo o ano proceden na súa maior parte de solicitudes da veciñanza, reparacións pequenas que melloran o día a día das veciñas e veciños de Lugo”.

A brigada de obras realizou o pasado ano un total de 251 intervencións na sinalización da cidade reparando ou substituíndo sinais ou marcas viais, ademais, melloraron 76 tapas de rexistro que producían molestias á veciñanza por facer ruído ou estar soltas. Executáronse tamén 554 arranxos en vías públicas, tapando fochancas ou renovando partes das beirarrúas máis deterioradas. As 79 actuacións restantes consistiron en renovacións e instalacións de mobiliario urbano, como bancos ou aparcabicis, e en outras reparacións.

“Esta brigada realiza un importante labor de reparación nas distintas infraestruturas do concello e no mantemento da cidade”, explicou Arroxo. O Tenente Alcalde lembrou a importancia de que a veciñanza faga chegar as súas necesidades ás distintas áreas do goberno municipal. “As veciñas e veciños de cada zona saben de primeira man as necesidades da súa zona”, explicou Rubén Arroxo, que engadiu “moitas veces trátanse de pequenos arranxos, que a brigada municipal de obras trata de resolver no menor tempo posíbel para garantir o bo estado da cidade”.