Skip to main content
Lugo

Olalla Rodil defende en Lugo unhas condición dignas para o sector da limpeza

Por 8 Febreiro, 2024Sin comentarios

A cabeza de lista do BNG, Olalla Rodil, visitou este xoves ás traballadoras do sector da limpeza, que levan máis de 100 días en folga reclamando unhas condicións de traballo dignas a través dun novo convenio. Rodil trasladou o apoio e o recoñecemento do BNG a unhas mulleres “que son esenciais, encárganse da limpeza de instalacións como a residencia de maiores das Gándaras ou os centros escolares, e seguen cobrando menos do SMI”, afirmou a candidata do BNG. Rodil tamén defendeu a necesidade de garantir “unhas condicións de traballo dignas para un sector esencial como é a limpeza”.

Rodil anunciou que o BNG desde a presidencia da Xunta de Galicia impulsará unha nova Lei galega de contratación das administracións públicas que terá como obxectivo favorecer as contratacións de pequenas e medianas empresas con capacidade innovadora e de xeración de emprego estable. “Trátase de acabar co práctico monopolio das grandes construtoras e fornecedoras de servizos madrileñas na realización de obras públicas e prestación de servizos na Galiza e, ao tempo, garantir o pleno respecto polos dereitos laborais”, explicou. Ademais tamén pretenden reducir, na medida do posible, “os contratos a empresas externas de servizos que pode prestar directamente a administración pública cos seus propios recursos”.

A cabeza de lista do BNG explicou que unha das medidas máis importantes será a introducción de cláusulas sociais e con perspectiva de xénero. “Estas cláusulas deben servir para crear emprego, mais tamén para garantir que as persoas que traballan nas empresas contratistas teñen unhas condicións laborais óptimas”, declarou. O BNG aposta por unha contratación pública que sexa estratéxica e responsable para acadar obxectivos sociais, éticos e ambientais. Mediante a contratación dos servizos públicos da Xunta de Galicia utilizaranse todas as posibilidades legais para a fomento dos contratos reservados para iniciativas de carácter social e sen ánimo de lucro.

Rodil chamou a concentrar o voto na papeleta do BNG, “a única forza que poderá gobernar Galiza coas mans libres”. E que ten “proxecto para Galiza” e “un equipo preparado para darlle a este país o cambio que merece tras 15 anos de abandono por parte do PP, cunha presidenta  á que ninguén lle dirá até onde pode chegar na defensa dos intereses dos galegos e galegas”.