Skip to main content
Lugo

Olalla Rodil destaca en Lugo a aposta do BNG por realizar a transformación da madeira en Galicia

Por 14 Febreiro, 2024Sin comentarios

A cabeza de lista por Lugo ao Parlamento de Galiza, Olalla Rodil, mantivo este mércores encontros con representantes do sector forestal, onde presentou as distintas propostas do BNG para este sector e os máis de 20.000 postos de traballo que xera na actualidade. “O sector forestal é un sector estratéxico para o presente e o futuro de Galiza”, explicou Olalla Rodil, que subliñou “o papel determinante en cuestións como a prevención de incendios e a loita contra o abandono das terras”.

Rodil afirmou que “precisamos apostar por este sector e xerar maior riqueza, valor engadido e postos de traballo para sector industrial e forestal a través do peche ciclos produtivos”. Actualmente, en Galicia “prodúcese madeira que despois se transforma noutros lugares do estado ou de Europa, desde o BNG traballaremos para que esa transformación da madeira se realice na Galiza, creando novos postos de traballo para as nosas veciñas e veciños”.

Potencia en produción de madeira

A comunidade é a novena potencia europea en produción de madeira, e a provincia de Lugo acumula a metade das cortas de madeira a nivel nacional. Deste xeito, o BNG propón fomentar a produción de madeira de calidade e do seu uso para carpintería, mobles e usos estruturais na construción, así como para a provisión de produtos biobaseados, como téxtiles, embalaxes, enerxía e mesmo a construción e electrónica, atendendo ao aumento da demanda de materiais e produtos naturais, renovables, sostibles e de baixo impacto ambiental. “A biomasa forestal, a madeira e os produtos e materiais derivados da madeira deben posicionarse para satisfacer as demandas da nova bioeconomía”, explicou Olalla Rodil.

A candidata do BNG afirmou que unha das liñas de traballo será “atraer e impulsar oportunidades de emprendemento local en base á valorización dos ecosistemas forestais autóctonos”. O BNG pretende visibilizar os distintos aproveitamentos ecosistémicos (almacenamento de carbono nos solos e vexetación), ambientais (biodiversidade, defensa contra o lume) e culturais apoiados en actividades da economía local. Ofertar produtos e servizos á sociedade mediante un modelo de xestión con rendibilidade económica, baseado nun monte con especies autóctonas, de crecemento máis lento, pero multifuncional e biodiverso.

A cabeza de lista do BNG por Lugo asegurou que este domingo “as galegas e galegos decidimos o futuro do noso país, temos que saír a votar en masa porque Lugo pode ser a chave para que teñamos un goberno do BNG que deixe atrás os 15 anos de recortes e abandono do Partido Popular”. Rodil destaca o proxecto do BNG “para asentar poboación, garantir a dispoñibilidade de servizos e garantir a continuidade das empresas vinculadas ao medio rural”, e pediu o voto ao BNG “como garante do futuro de Galiza e dos nosos sectores produtivos”.