Skip to main content
Lugo

Lugo Monumental pide que o Concello baixe os prezos dos aparcadoiros públicos do centro

Por 15 Febreiro, 2024Sin comentarios

Lugo Monumental apoia a decisión do Goberno presidido por Paula Alvarellos de non conceder un novo incremento de prezos á concesionaria dos estacionamentos subterráneos municipais da cidade. “Desde finais do ano 2011 o Goberno Local de Lugo permitiu á súa concesionaria subir os prezos por encima do IPC oficial. Mentres entre decembro daquel ano e decembro de 2023 o IPC acumulado foi do 23,5 %, os prezos dos estacionamentos públicos subiron un 28,66 %, pasando de 1,71 euros a primeira hora a 2,20 euros polo mesmo tempo”, sinalan.

Deste xeito, o Concello consentiu que “o estacionamento da primeira hora nos aparcamentos municipais sexa o máis caro da cidade, e sitúese entre os máis custosos de Galicia”. Xa no seu momento Lugo Monumental presentou alegacións ao decreto que permitiu incrementos anteriores. A asociación reitera a súa petición de que o Concello tome medidas para reducir os prezos dos estacionamentos públicos para que os lucenses poidan acudir ao centro histórico sen problemas para aparcar.

“Hai que ter en conta que non só se trata dun problema puntual polas actuais obras, senón que a peonalización do centro histórico supoñerá dificultades de accesibilidade ao centro que é preciso atallar con medidas valentes”, engaden. Nese sentido, os establecementos do centro fixeron os seus deberes e actualmente os asociados de Lugo Monumental dispoñen de convenios para ofrecer aparcamento gratuíto no Ánxel Fole ou o Vía Romana, dous establecementos privados.

O colectivo lembra que o Concello de Lugo foi moi crítico co custo do estacionamento no HULA, “debido a que afirmaban que ao edificarse o hospital en terreos públicos o prezo debería ser simbólico”. Con todo, lamentan que non se aplique este principio aos estacionamentos municipais, que están situados en plena vía pública.