Skip to main content
Lugo

Mulleres Veciñais organiza faladoiros, obradoiros de teatro, de arte e de costura a favor da igualdade

Por 17 Febreiro, 2024Febreiro 18th, 2024Sin comentarios

O colectivo Mulleres Veciñais continuará desenvolvendo o seu Programa de Igualdade en toda a provincia, grazas a aposta da Deputación. Porén, denuncian “o desprezo, a inxustiza e a discriminación á que nos somete a Xunta de Galicia”, xa que aseguran que non lles achegaron nin un só euro. “Negounos a súa colaboración, e non porque os nosos programas non fosen sólidos e rigorosos, senón porque parece ser que a Xunta de Galicia quere organizacións dóciles, submisas, que non critiquen as súas políticas, que non teñan opinión propia”.

O programa contemplará almorzos pola igualdade, tertulias entre veciñas, obradoiros de autoestima, de teatro e de costura, e exposicións, entre outras iniciativas. Durante este ano e a través dos Almorzos pola Igualdade, compartirase un rico almorzo, nun espazo seguro e de confianza, onde pasar un intre agradable e descubrir o que temos en común entre todas, brindándonos apoio unhas ás outras. Trátase dunha proposta para todas aquelas persoas ás que lles preocupa a igualdade de xénero, están comprometidas coa igualdade e queren saber como alcanzala de forma efectiva.

A través de Non estás soa! ofrecen apoio e asesoramento gratuíto, no local da Federación Veciñal onde poder acudir de forma libre en horario de mañá mediante cita previa. Porque cando unha muller comparte a súa historia de violencia, está a dar o primeiro paso para romper o ciclo de malos tratos e precísase garantirlle o espazo seguro que necesita para falar e ser escoitada. Nos Faladoiros entre veciñas charlarase sobre o que está a pasar na nosa provincia, sobre as noticias de actualidade e todo aquilo que nos atravesa no noso día a día e queremos poñer en común. Por outra banda, o colectivo tamén ofrecer talleres de autoestima, un espazo de encontro no que aprenderemos a que nos referimos cando falamos de imaxe corporal e que impacto ten na nosa autoestima buscando visibilizar e adquirir novas ferramentas que faciliten o noso benestar e autocuidade; e un grupo terapéutico para mulleres divorciadas ou separadas, no que poderán compartir as súas experiencias, expresar as súas emocións e os seus pensamentos máis íntimos de forma confidencial nunha contorna comprensiva e de aceptación.

Obradoiros de teatro para denunciar o machismo

O programa contempla tamén obradoiros de teatro nos que se achegarán ás técnicas teatrais como a improvisación, a técnica vocal ou a expresión corporal, que nos facilitan o desenvolvemento da creatividade, a empatía, a autoestima, a confianza e a seguridade. Nestes talleres non se require coñecementos previos nin experiencia en técnicas teatrais e neles exploraranse novos relatos e identidades, rescatarase a vida de mulleres esquecidas e denunciarase o machismo a través das artes escénicas a través dos textos de dramaturgas.

As interesadas na informática tamén teñen un oco nas actividades da federación coa actividade Empoderamento Dixital, co que se pretende refrescar coñecementos sobre correo electrónico, xestións e seguridade na internet, coñecer a nube e ferramentas básicas de ofimática etc. Por outra banda, ponse en marcha a proposta Costura de supervivencia, na que se verán reparacións básicas téxtiles, para gañar autonomía e sustentabilidade, e alongar a vida útil da roupa.  O colectivo continúa co grupo Amigas guerreiras, que ten o obxectivo de traballar distintas temáticas que teñen que ver co desenvolvemento persoal, a promoción da saúde, a educación sexual e a prevención da violencia machista.

Encontros artísticos pola igualdade

A través deste grupo, apréndese a poñer límites, a xestionar certas situacións que poidan xerarnos malestar e a relacionarnos doutra maneira máis saudable connosco mesmas. As mulleres teñen moito que contar, por iso Mulleres Veciñais convidan a participar en Empoderamento Artístico, un encontro de escritura creativa no que se expresará e se reflexionará sobre a invisibilización das mulleres como unha forma de violencia. Outra das novidades é Eu tamén podo, unha actividade a través da que se trata de preguntar quen realiza algunhas tarefas en casa, quen fai o almorzo ou a cea, quen limpa, recolle ou fai a compra e Ensinos ás próximas xeracións, coas que se poñen en marcha conversacións en centros escolares sobre os roles de xénero, sinalando os estereotipos aos que nenas e nenos enfróntanse constantemente, xa sexa nos medios de comunicación, na rúa ou na escola.

Máis aló destas actividades ao redor da provincia, seguirán realizando múltiples actividades en materia de prevención e concienciación, tales como exposicións que se atopan en fase de preparación e que verán a luz ao longo de 2024, a modo de presentación do desenvolvemento dos labores realizados polas Mulleres Veciñais. Estas exposicións serán itinerantes e achegaranse por distintos puntos, así como as reunións que se realicen ao longo da provincia de Lugo.