Skip to main content
Lugo

Concédense 32 hortos urbanos municipais situados no Parque de Paxariños

Por 21 Febreiro, 2024Sin comentarios

A área de Transición Ecolóxica, que dirixe o edil Miguel Fernández, mantén aberto o prazo de solicitudes para a ocupación e o uso temporal das parcelas destinadas a hortos urbanos sitas nas fincas de titularidade municipal anexas ao Parque dos Paxariños, na ladeira entre a ronda das Fontiñas e o paseo fluvial do Rato, a carón do barrio de Xuíz.

“As e os interesados en concorrer a esta terceira convocatoria que abrimos dende o Concello para a concesión de 32 hortos urbanos con función de autoconsumo, poderán presentar as súas solicitudes ata o vindeiro 5 de marzo”, explicou o concelleiro.

Fernández subliñou que con estes espazos queren “fomentar prácticas sustentables e saudables, respectuosas co medio ambiente, que ademais favorecen a conservación e coidado da contorna e que tamén propician a creación de espazos de convivencia social ao redor da labranza”. O edil apuntou que “as parcelas, de aproximadamente 30 m² cada unha, sitúanse dentro dunha extensión de máis de 3.000 m² de zona verde, dos que se empregarán para cultivo 1.085 m2”. O recinto conta tamén con espazos dotacionais, cunha zona de entrada, con espazo para aparcadoiro de vehículos e unha caseta de madeira, de acordo co entorno, para apeiros de labranza e material de traballo. Ademais, dispón de fontes de rega, adaptadas ao entorno, e mesas e bancos de uso público.

Aberto o prazo ata marzo

Entre as normas de utilización polas que se rexen, cobran especial importancia unha serie de pautas relacionadas coa aplicación de prácticas de agricultura ecolóxica así como o predominio dos cultivos autóctonos, plantas comestibles de tradición hortícola, plantas aromáticas e tamén medicinais. Para a concesión dos hortos abriuse un proceso de concorrencia competitiva no que terán preferencia as persoas desempregadas, pensionistas, e con menor capacidade adquisitiva, así como aquelas persoas que teñan ao seu cargo algún integrante da unidade familiar con discapacidade psíquica e/ou física que o incapacite para o traballo, persoas en risco de exclusión social ou maiores de 65 anos.

Conforme aos criterios de valoración formarase unha listaxe provisional de persoas adxudicatarias cos puntos acadados por cada unha delas que se exporá ao público a través do Taboleiro de Anuncios e da páxina web do Concello polo prazo de dez días naturais nos que as persoas interesadas poderán presentar reclamacións en caso de disconformidade coa valoración realizada.

Rematado o prazo anterior, e resoltas, se é o caso, as reclamacións recibidas, ditarase resolución definitiva coa adxudicación das distintas parcelas ás persoas beneficiarias que resulten do baremo anterior. As autorizacións que habiliten para a ocupación e uso do dominio público sobre o que se asentan os hortos urbanos serán persoais e temporais, polo prazo de dous anos vexetativos. O modelo de solicitude e toda a información e requisitos para participar na convocatoria atópanse na web.