Skip to main content
Lugo

O Campus de Lugo promove unha xornada sobre a organización de festivais sostibles

Por 23 Febreiro, 2024Sin comentarios

O Campus Terra da USC e a incubadora Lug Open Factory (LOF) celebran este venres 23 de febreiro, a partir das 9.00 horas, no edificio Cactus da sede universitaria luguesa, un Hack-Day. A mocidade que tome parte nesta iniciativa, promovida ao abeiro do proxecto europeo ModulAct e orientada a un público con idades comprendidas entre 18 e 30 anos, terá unha oportunidade de propoñer solucións e debater ideas para avanzar cara a unha maior sostibilidade dos festivais.

O Hack-Day USC-LOF desenvolverase ao longo de toda a xornada baixo o lema ‘Creando festivais sostibles’, unha temática que permitirá á mocidade analizar variables relacionadas co transporte, o tratamento do lixo, a eficiencia enerxética, innovación, localizacións, espazos, emisións de CO2 e mesmo os sons. Deste xeito, analizaranse todos los elementos que inciden na cultura arredor dos festivais e tamén respecto da sensibilidade social respecto deste tipo de celebracións.

O ModulAct, tal e como se denomina o programa no que se encadra esta actividade, constitúe un proxecto que busca transformar o proceso dos festivais, facendo destas citas eventos máis sostibles tanto no plano ambiental como económico, tal e como veñen demandando os promotores destes certames, que recoñecen desde hai tempo a importancia das importancia das colaboracións e infraestruturas sostibles. A evolución dos festivais cara a que se pretende avanzar co programa ModulAct xurde tamén en resposta ao importante impacto negativo causado por este tipo de celebracións no medio ambiente, uns efectos que se traducen ou concretan na gran cantidade de residuos, entre eles botellas, latas, envases de alimentos, tendas de campaña e roupa, así como no consumo enerxético excesivo para alimentar escenarios, luces, sistemas de son, espazos de restauración, conxeladores…

A participación no Hack-Day USC-LOF ‘Creando festivais sostibles’ é libre e de balde para todo o público interesado, que pode formalizar xa a súa inscrición en liña a través da web. O programa da sesión desenvolverase en quenda de mañá e tarde, de 9.00 a 19.30 horas, cando se procederá á entrega de premios e dos certificados de asistencia. A organización deste evento cubre asemade os custes de desprazamento así como a manutención (xantar e cea) da mocidade participante.