Skip to main content
Lugo

Máis de 300 persoas solicitaron inscribirse nas actividades organizadas pola área de Xuventude de Lugo

Por 24 Febreiro, 2024Sin comentarios

A concellería de Xuventude recibiu máis de 300 solicitudes nunha semana trala apertura do prazo de inscricións para participar nas actividades de ocio e gratuítas que ofrece o executivo municipal á mocidade lucense, de entre 14 e 35 anos, para os meses de febreiro e marzo e o segundo trimestre do ano.

Trátase dun extenso programa, composto por máis dunha ducia de iniciativas, nas que poderán participar un total de 468 mozos e mozas do municipio, e que inclúe “múltiples opcións para adaptarnos ás distintas inquietudes dos nosos mozos e mozas, como cursos de ioga, cociña ou zumba coa casa da Xuventude como sede”, lembrou Bustos.

A través desta actividades, o executivo busca tamén achegar aos rapaces e rapazas á contorna natural a través de roteiros de sendeirismo e mediante unha visita enoturistica á Ribeira Sacra. Como novidade, a programación inclúe a primeira liga de oratoria intercentros, nunha clara aposta por incentivar o pensamento crítico e a participación cidadá neste rango de idade.

Tamén haberá un obradoiro medioambiental no mes de abril, coincidindo co Día Mundial da Terra, que incluirá unha recollida de plásticos pola Reserva da Biosfera Terras do Miño; así como formacións de caracterización de efectos especiais; revisión e mantemento de bicicletas e vehículos de mobilidade urbana; ou un obradoiro de comunicación baixo o título Dereito Humano á Agua. A mala xestión dos recursos naturais, impartido pola Asociación Galega de Comunicación para o Cambio Social.