Skip to main content
Lugo

O deporte, o medio ambiente e a primeira Liga de Oratoria de Lugo dominan o novo programa de Xuventude

Por 15 Febreiro, 2024Sin comentarios

O coidado do medio ambiente, a saúde persoal  e a aposta por incentivar o pensamento crítico son os principais eixes vertebradores do novo programa dirixido á mocidade lucense, de entre 14 e 35 anos, para os meses de febreiro e marzo e o segundo trimestre do ano. O concelleiro de Xuventude e Deportes, Jorge Bustos, presentou este mércores o extenso programa, composto por máis dunha ducia de iniciativas, totalmente gratuítas, nas que poderán participar un total de 468 mozos e mozas do municipio.

“O obxectivo deste completo programa é ofertar á nosa mocidade unha serie de actividades lúdicas cun forte compoñente enriquecedor vinculado á saúde persoal, o autocuidado e a relación co medioambiente como eixos prioritarios”, explicou Bustos. Deste xeito, ofrécense múltiples opcións para “adaptarnos ás distintas inquietudes dos nosos mozos e mozas, como cursos de ioga, cociña ou zumba coa casa da Xuventude como sede”.

Achegar a contorna natural é outro dos obxectivos que se leva a cabo a través de rutas de sendeirismo e mediante unha visita enoturistica e, como novidade, “introducimos a primeira liga de oratoria, nunha clara aposta por incentivar o pensamento crítico e a participación cidadá neste rango de idade”, explicou o edil. Tamén haberá un obradoiro medioambiental no mes de abril, coincidindo co Día Mundial da Terra, que incluirá unha recollida de plásticos pola Reserva da Biosfera Terras do Miño; así como formacións de caracterización de efectos especiais; revisión e mantemento de bicicletas e vehículos de mobilidade urbana; ou un obradoiro de comunicación baixo o título Dereito Humano á Agua. A mala xestión dos recursos naturais, impartido pola Asociación Galega de Comunicación para o Cambio Social.

Zumba, ioga e cociña

As inscricións para as diferentes actividades atópanse abertas a través da web Paralelamente, manteranse as Asesorías Xuvenís que son gratuítas e confidenciais. A xurídica será os luns, de 19.30 a 21.00 horas e a psicolóxica, os mércores, de 18.00 a 22.00 horas. As clases de zumba serán do 19 de febreiro ata o 10 de xuño na Casa da Xuventude, cada luns de 20.15 a 21.15 horas; mentres que as de ioga impartiranse os mércores de 20.15 a 21.15 horas dende o 1 de marzo ata o 14 de xuño. O curso de cociña tamén se organizará os mércores de 17.00 a 19.00 horas, na Casa da Xuventude, dende o 6 de marzo ata o 29 de maio.

A Casa da Xuventude tamén acollerá o curso de monitor de tempo libre dende o 2 de marzo ata o 12 de maio, e a formación de caracterización de efectos especiais. Esta última será cada xoves de 16.30 a 19.45, dende o 21 de marzo ata o 18 de abril. Neste espazo, terá lugar o obradoiro de revisión e mantemento de bicicletas e vehículos de mobilidade urbana os sábados dende o 4 ao 25 de maio, en horario de 16.00 a 21.00. Dende o 9 de marzo ata o 20 de abril, no Circuito de Frigsa organizarase un obradoiro de radiocontrol de 11.00 a 13.00 horas os sábados.

Pola súa parte a visita enoturística á Ribeira Sacra será o 16 de marzo con saída ás 15.00 horas dende a Casa da Xuventude. Organizaranse tres rutas de sendeirismo que comezarán o 23 de marzo coa travesía Vales do Lóuzara e o Lor pola Serra do Courel. O 27 de abril terá lugar a ruta de montaña e glaciarismo: Vales glaciares de Manzaneda e o 1 de xuño o Camiño natural do Cantábrico.

Coidado do medio ambiente e oratoria

O 24 de febreiro terá lugar un taller de rastreo de fauna salvaxe e supervivencia no medio natural na Reserva da Biosfera Terras do Miño e o 13 abril, unha actividade de Ioga en Ruta. A última destas propostas será o 4 de maio coa actividade O Bosque Comestible, unha ruta e taller de plantas comestibles e medicinais. Os amantes do medio ambiente teñen outra cida os días 20 e 21 de abril cun obradoiro medio ambiental organizado Casa da Xuventude, xornada na que tamén haberá unha recollida de plásticos pola Biosfera Terras do Miño.

Por último, o programa contempla a primeira edición da Liga de Oratoria Intercentros, unha iniciativa que serve para promover as habilidades de oratoria, pensamento crítico e traballo en equipo. Conta con tres categorías, dirixidas a alumnos de 3 e 4 de ESO, a estudantes de 1º e 2º de Bacharelato e a alumnado de estudos de grao e posgrao da universidade. A inscrición permanece aberta ata ata o 15 de marzo e poderanse formar 16 equipos de 4 persoas para cada categoría. As competición Terán lugar o 10, 11 e 12 de maio.