Skip to main content
Lugo

Rexeitan a demanda presentada contra o Concello de Lugo por mal funcionamento da Casa da Muller

Por 27 Febreiro, 2024Sin comentarios

O xulgado do contencioso-administrativo número 2 de Lugo rexeitou a demanda presentada pola irmá da muller que o 11 de febreiro de 2016 foi asasinada polo seu esposo no seu domicilio de Becerreá contra o Concello de Lugo, como titular da Casa da Muller. A denuncia dirixíase ao servizo municipal como presunto responsable dos danos económicos e morais causados polo asasinado, “propiciado ou facilitado por funcionamento anormal do servizo público”.

O maxistrado indica na sentenza que non quedou acreditado que a traballadora social que atendeu á vítima “lle recomendase divorciarse `aos poucos´, nin acudir esa tarde á que foi casa familiar en Becerreá”. O xuíz sinala que “para a traballadora social, e así se recoñece na demanda, a separación de feito xa se producira e o asunto a resolver era o económico”, polo que “o órgano pertinente para resolvelo era servizos sociais do Concello de Becerreá, ao que foi remitida”.

O titular do xulgado destaca que non quedou acreditado que se crebou protocolo algún ao non presentar denuncia de oficio pola asistente social, á vez que indica que tampouco quedou acreditada “ningunha da afirmacións sobre falta de persoal” na Casa da Muller. Deste xeito afirma que “a declaración testifical do director prestada o día da vista nega a falta de persoal, a baixa de traballadores ou que as baixas de longa duración non sexan cubertas”.