Skip to main content
Pedrafita

Lara Méndez garantiu que con Besteiro “Galicia terá un modelo público de residencias, no rural e a prezos xustos”

Por 5 Febreiro, 2024Sin comentarios

A candidata socialista pola provincia ás eleccións autonómicas Lara Méndez garantiu que con Besteiro Galicia terá un modelo público de residencias, no rural, con atención personalizada e a prezos xustos, como que implantou na Deputación de Lugo, e que hoxe é exemplar en Europa.

Fíxoo durante o encontro que mantivo, xunto á tamén membro da lista pola provincia Teresa Fernández, o Alcalde de Pedrafita, José Luis Raposo, e o Deputado provincial Pablo Rivera, con persoal e usuarios do Centro de Atención a Maiores que ten a institución provincial no municipio da Montaña en colaboración co Concello. Trátase dunha das 9 residencias que a Deputación de Lugo ten hoxe en funcionamento, xunto ás de Trabada, Ribadeo, Pol, A Fonsagrada, Castroverde, Meira, Navia de Suarna e Ribas de Sil.

O Partido Popular aposta por un modelo asistencial “caro, privatizador, de macroresidencias, deshumanizado, que afasta aos maiores das súas familias e do seu entorno, e que fracasou na pandemia”. Feijóo e Rueda situaron así a Galicia á cola de toda España en prazas públicas, con tan só o 41%, mentres que a media estatal é do 62%, segundo o IMSERSO, e cun déficit de 14.000 prazas residenciais, segundo os parámetros da Organización Mundial da Saúde, que establece unha ratio de 5 prazas por cada 100 persoas maiores de 65 anos.

No marco da “clara aposta de Besteiro por rescatar e potenciar os servizos públicos”, destacou Lara Méndez, cando sexa Presidente da Xunta estenderá a toda Galicia o modelo que xa implantou na provincia de Lugo na súa etapa como Presidente da Deputación, “cunha eficacia xa constrastada, sen ningunha morte durante a pandemia, que pon no centro ás persoas, o benestar dos maiores e das súas familias, e cunha atención personalizada, pois a ratio é de practicamente un coidador por cada residente”. Centros que favorecen o arraigo, xa que teñen prioridade as persoas da localidade e da comarca , e ao que calquera veciño ou veciña pode acceder, pois pagan en función da súa capacidade patrimonial.

Ao mesmo tempo, o modelo de residencias de Besteiro “crea actividade económica e emprego, o 95% feminino e fixa poboación”, polo tanto, é unha medida “eficaz para revitalizar o rural e loitar contra o reto demográfico”.