Skip to main content
Chantada

A colocación da placa co nome da rúa 8M de Chantada abre a programación do Día da Muller

Por 12 Febreiro, 2024Sin comentarios

A travesía do Concello, onde está o Centro de Información á Muller, loce desde esta fin semana a placa co seu novo nome, 8 de marzo, Día Internacional da Muller, despois da correspondente declaración da ONU en 1975.

O Concello de Chantada dá así cumprimento á moción presentada polo PSOE e aprobada en pleno por unanimidade: “Coa rúa 8 de marzo, reivindicamos a igualdade real de dereitos e deberes e tamén visibilizamos o Centro de Información á Muller e o traballo de cada día”, sinala o alcalde de Chantada, Manuel Lorenzo Varela.

Co novo nome de 8 de marzo para esta céntrica rúa, o Concello de Chantada a través do Centro de Información á Muller abre unha ampla programación de cara a celebración do Día Internacional da Muller.

Programación polo Día da Muller

A seguinte actividade será o 1 de marzo cunha reunión coloquio baixo o título “Traballadoras invisibles” e para o día 8 de marzo organízase, como novidade, unha gincana polas rúas da vila, que rematará na Praza do Cantón coa correspondente lectura do manifesto.

Para completar a programación desenvolveranse actividades infantís de sensibilización, que se levarán a cabo na biblioteca municipal e nos centros de ensino.

“A comezos de marzo o Concello de Chantada participará tamén nun encontro de mulleres rurais. Destacamos especialmente a nosa idea de priorizar a educación e traballar moito cos coles e institutos. É aí onde está a base para que cheguemos a ser unha sociedade realmente igualitaria”, destaca a concelleira de Igualdade, Pamela Fernández.