Skip to main content
CarballedoChantada

Chantada Quere Sanidade presentou ante a Consellería de Sanidade as 3.720 firmas da veciñanza

Por 14 Febreiro, 2024Febreiro 15th, 2024Sin comentarios

O colectivo Chantada Quere Sanidade, que defende a sanidade pública concretamente nos concellos de Chantada e de Carballedo, presentou na Consellería de Sanidade un documento coas 3.720 firmas dos veciños e veciñas que firmaron a petición para mellorar a atención sanitaria do Centro de Saúde de Chantada que comparte Punto de Atención Continuada (P.A.C.) con Carballedo e no Hospital de Monforte.

“Desde Chantada Quere Sanidade entendemos que dende a institución sanitaria se está a xogar coa nosa saúde, en ocasións poñendo en risco a nosa vida e a dos nosos familiares, grazas a teimas ben planificadas que pretenden degradar a sanidade pública. Pedimos que se reverta esta situación e que se escoite a voz das 3.720 persoas que reclaman unha sanidade de calidade”, explicaron.

Así, din que as súas necesidades son reabrir consultas pechadas no Centro de Saúde de Chantada, cubrir xubilacións, baixas ou vacacións facendo que a atención primaria funcione a pleno rendemento e cos facultativos necesarios en cada xornada para atender a unha poboación de preto de 8.000 persoas.

Por outra parte, subliñan que as ratios médico-paciente deben ser melloradas para garantir unha mellor atención primaria, con máis tempo de consulta e menos tempos de espera para obter unha cita de atención primaria ou de un especialista.

Ademais, cren que é necesario un segundo equipo de urxencias para atender as poboacións de Chantada e Carballedo, “pois un único equipo é claramente insuficiente ante as situacións que poideran darse”.

Por último, esixen recuperar especialidades do Hospital Comarcal de Monforte e traballar para que este poida dar unha atención adecuada e a pleno rendemento aos usuarios do sur de Lugo.