Skip to main content
Chantada

Por Chantada seguirá gravando os plenos para “garantizar o dereito á información da veciñanza”

Por 20 Febreiro, 2024Sin comentarios

Por Chantada-IGV lembra, nunha das mocións que vén de presentar no último Pleno da Corporación local celebrado o pasado 1 de febreiro de 2024, que, na actualidade, os principios democráticos de transparencia e publicidade “non rematan de seren efectivos nin reais”.

Din que existe unha veciñanza interesada nas cuestións que afectan á vila, pero que non poden participar dos asuntos públicos por diferentes cuestións e unha veciñanza cunha importante desafección respecto da política local, “o que explicaría, entre outras cuestións, que non haxa apenas tradición de asistir ás sesións plenarias, a diferenza do que acontece noutros concellos”.

Por isto, propuxeron no último pleno “a gravación oficial das sesións plenarias e a súa retransmisión, aproveitando para reintroducir outras medidas que operarían co mesmo fin potenciador da participación veciñal e da transparencia”, explican. Porén, non obtiveron os votos a favor do PSOE e os votos en contra do PP.

Contido da moción que non conseguiron aprobar

Así, concretaron que estas medidas consistirían na aprobación dun Regulamento de Participación Cidadá (RPC) “que dispoña todas as cuestións materiais e procedimentais da intervención das veciñas e veciños nos asuntos públicos, na convicción de que “a procura dunha maior horizontalidade nas relacións entre o Concello e a veciñanza é unha panca das máis poderosas e efectivas para mellorar a eficacia, a eficiencia e a calidade nos servizos prestados, e que non hai mellor maneira de cumprir o mandato cidadán de representar á veciñanza que creando os procedementos que garantan, en igualdade de condicións para toda a cidadanía, o funcionamento democrático e transparente das institucións que a mesma sustenta cos seus impostos e que, en consecuencia, lle permita ter voz nos procesos de deliberación e toma de decisións políticas”.

Reiteraba o grupo político que “a transparencia pasa tamén por un acceso á información eficaz e áxil”, polo que lembran a importancia de que o Regulamento proposto na súa moción rematara coas dificultades que agora mesmo presenta o Concello de Chantada para acceder á documentación, de tal modo que, coa nova disposición, quedaría establecido un prazo máximo de cinco días para entrega de expedientes ás concellerías e dun mes para a veciñanza.

Con todo, a moción non puido saír adiante e a veciñanza de Chantada “terá que conformarse con ver os plenos a través das redes sociais e da web de Por Chantada-IGV, que continuarán gravando as sesións pola súa conta e a pesares da precaria loxística coa que contan”, xa que, segundo a concelleira Helena Fernández, “as gravacións, amais de necesarias para o pleno exercicio dos dereitos políticos da cidadanía, tornaron as sesións plenarias nun espazo algo máis amábel e con menos hostilidade”.