Skip to main content
Chantada

Por Chantada denuncia que o alcalde “leva impulsando un urbanismo caótico e especulativo que desfigurou a vila”

Por 24 Febreiro, 2024Sin comentarios

Desde Por Chantada lamentan “que o Concello non atendese a ningunha das alegacións formuladas pola veciñanza cun desprezo total pola transparencia e a legalidade” con respecto ao plan de ordenación urbanística.

Así, denuncian que non se vai abrir a rúa ata o pavillón, tal e como fixa o plan de ordenación urbanística, “e non existe interese público na urbanización, pois só se trata da dar amparo legal ao mamotreto da praza de Santa Ana”, explican.

Denuncian que o alcalde “leva impulsando un urbanismo caótico e especulativo que desfigurou a vila e parece que está decidido a ampliar o seu nefasto legado neste eido. Só así pode entenderse que, a pesar de ser un tema xudicializado pola veciñanza, se rexeitasen por decreto todas as alegacións formuladas pola veciñanza e, por suposto, tamén as que rexistramos desde o grupo municipal”.

Presentación do recurso por parte do grupo político

Por todo isto, Por Chantada presentou un recurso protestativo de reposición que pon fin á vía administrativa, “alertando aos servizos municipais que vemos nos expedientes de urbanización e de licenza do mamotreto, que era de Vialmar, dúas caras dunha mesma operación urbanística, polo que poderían concorrer os delitos de prevaricación administrativa e desvío de poder”.

Ademais, tamén demandan a nulidade dos decretos de Alcaldía que dan cobertura á licenza do edificio e á urbanización da rúa do Rego, “entendendo que esta debería completarse ata o pavillón conforme o aprobado no seu día no planeamento urbanístico”, defenden.

Por outra banda, desde Por Chantada cren que deben revisarse de oficio a totalidade dos expedientes que atinxen ao edificio e á urbanización e remitirse proposta de ditame no sentido da imposibilidade de legalizar o edificio, e procedendo a súa demolición por parte do Consello Consultivo da Galicia.

“A licenza do mamotreto nunca foi definitiva e sempre estivo condicionada á urbanización e saída da rúa do Rego. De feito, este mesmo alcalde que no 2023 prorroga unha licenza inexistente e o que declarou no 2015 a ilegalidade do edificio e o perigo que representaba para persoas e bens”, din.