Skip to main content
Chantada

Chantada contará cun dispositivo de seguridade “para reducir a conflitividade” durante a Feira do Viño

Por 29 Febreiro, 2024Sin comentarios

A subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, copresidiu xunto co alcalde de Chantada, Manuel Lorenzo Varela a Xunta Local de Seguridade do municipio e o dispositivo que se artellará para a Feira do Viño dos próximos 8, 9 e 10 de marzo.

A subdelegada celebrou nesta reunión o incremento da taxa de esclarecemento das infraccións por parte da Garda Civil nun 10 % con respecto ao período anterior, o que permite facer de Chantada un concello máis seguro e fortalecer a rede de seguridade para a celebración de distintos eventos, como a feira.

Á reunión asistiron tamén responsables de Seguridade do Concello, Garda Civil e Subsector de Tráfico, representantes da Dirección Xeral de Emerxencias e Policía Local.

Isabel Rodríguez destacou o traballo que realizan todos os corpos de seguridade para reducir a conflitividade, así como o labor que están a facer na prevención e concienciación cidadá cos menores, pois a Garda Civil ten previsto impartir un total de 16 charlas relacionadas co acoso escolar, adicións e violencia de xénero, entre outras temáticas.

A Xunta Local de Seguridade tamén serviu de antesala para falar do dispositivo de seguridade que se vai realizar durante a Feira do Viño de Chantada, que se celebrará o 8, 9 e 10 de marzo e contará con 16 adegas, unha máis ca o ano pasado, nunhas xornadas que se agardan multitudinarias e que servirán como cita de enxalzamento do viño e tamén dos produtos locais. A feira contará ademais con actuacións musicais para amenizar as xornadas.