Skip to main content
Pantón

O xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar da Xunta puxo en valor o centro de día de Pantón

O xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, visitou o centro de día para persoas maiores de Pantón, pertencente á rede pública autonómica. A visita coincidiu cunha actividade interxeracional centrada nesta época do Entroido e na que participaron usuarios do centro e estudantes da localidade.

Perfecto Rodríguez, que estivo acompañado do alcalde do concello, José Luis Álvarez, resaltou o amplo abano de actividades que se desenvolven nos centros de maiores da Xunta, coas que se fomenta o contacto entre xeracións e se promove un envellecemento activo e saudable.

Por outra banda, o xerente do Consorcio abordou co alcalde de Pantón a mellora da atención ás persoas maiores da localidade. Neste sentido, avanzaron na ampliación do programa Xantar na Casa, que pasará de 6 a 16 persoas beneficiarias.

Perfecto Rodríguez sinalou que o obxectivo deste programa é garantir que os maiores que viven sos, persoas dependentes ou en risco de exclusión reciban na súa vivenda un menú san e equilibrado para todos os días da semana. Así mesmo, explicou que son os servizos sociais do Concello os que se ocupan de seleccionar ás persoas beneficiarias.

A Xunta encárgase de financiar o 50 % do custe da comida, mentres que a outra metade corre a cargo do Concello e dos usuarios a partes iguais.